Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bronca e redución do plan inversor do goberno en Muxía

A oposición acusa ao alcalde de falta de diálogo // Toba di que lle negan ao pobo o que “é seu”

Tensión, bronca continuada e insultos marcaron o último pleno de Muxía no que a oposición (PP, BNG e os edís díscolos do PSOE) fixeron valer a súa maioría fronte aos tres únicos membros do goberno socialista presentando unha emenda ao plan de inversións proposto polo executivo. Así, dos case 900.000 € que pretendía investir, tan só poderá facer uso de 206.839 euros.

Ese é o importe das actuacións apoiadas pola oposición, entre as que se inclúen o abastecemento de auga a Suxo, as subvencións nominativas ás asociacións Aspadex, Percebe da Barca, Muxía Turismo Natural e o Club de Fútbol Muxía, ademais dunha obra de mellora de saneamento no Coído.

Dende a oposición volveron a cargar contra o alcalde, Iago Toba, pola súa falta de diálogo, xa que, din, “non fala con ninguén e intenta enganar á poboación”, afirmou a portavoz do PP, Sandra Vilela. Di que rexeitan o resto de propostas “porque a maioría son gastos correntes, subidas de soldos e actuacións que deben encaixarse no orzamento municipal”. Respectó á escola infantil, asegura “que non hai nada, ningún proxecto, só palabras” e acusou a Toba de tentar “polarizar á sociedade”. Así, afirma, “mobilizou á veciñanza de Suxo en contra da oposición e ao final foi o grupo de goberno quen se opuxo a proxecto de abastecemento a dito lugar ao votar en contra da emenda”.

O voceiro do BNG, Carlos Concheiro, lembroulle ao rexedor que se brindou en varias ocasións “para negociar as propostas, pero vostede dixo non”. Pola súa banda, Mónica Vilela, exsocialista actualmente no grupo de non adscritos, acusou ao alcalde de “fomentar o odio” e dixo que “os proxectos que nos trae aquí son da época de Félix Porto (o anterior alcalde socialista), e vostede agora oculta as datas dos mesmos”.

Pola súa banda, dende o goberno acusan á oposición de “bloquear máis de 700.000 € en investimentos para unha escola infantil, a mellora de infraestruturas e o fomento do emprego”. Unha proposta que, din, “era moi esperada e aplaudida pola veciñanza”.

O alcalde, Iago Toba, asegura que a “manobra” dos grupos da oposición “reflicte a cohesión das distintas forzas teoricamente progresistas e as conservadoras para negarlle ao pobo o que é do pobo”. Lamentou a súa “falta de miras” e acúsaos de “coartar a un goberno que só ten como obxectivo o interese xeral”.

Amosou a súa “decepción” porque este era “un proxecto pensado por e para toda a veciñanza muxiá. A pesar diso, ninguén nos vai quitar nin a Olalla, nin a Javier (concelleiros de goberno), nin a min, as gañas de seguir loitando polo beneficio e o progreso de Muxía”. Di que a pesar de ter que gobernar en minoría, “quédannos moitas gañas e forzas para seguir adiante con proxectos e ideas que melloren o noso municipio”.

19 mar 2021 / 16:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.