Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Buscan irmandiños para asaltar o castelo de Vimianzo en xullo

O Asalto ao Castelo de Vimianzo vai collendo forma e dentro de pouco comezarán os ensaios para a singular representación nocturna que se celebrará na medianoite do sábado 2 de xullo. Quen queira participar, terá que acudir ao casting que se celebrará o sábado 21 ás 20.00 horas no auditorio da Casa da Cultura, onde se dará conta de máis detalles sobre os papeis e argumento da peza deste ano.

Procúranse persoas voluntarias de diferentes idades, polo que non hai límites específicos, máis que a petición de compromiso cos ensaios e as ganas de pasar unha noite moi especial facendo parte da propia historia da festa. Unha cita que terá o seu punto álxido cando os irmandiños tomen a fortaleza cun guión creado e dirixido polo vimiancés Guillermo Méndez.

Vimiançus é a epopeia do cuarto de século do Asalto ao Castelo, narrada a través da lenda dunha moza meiga campesiña destinada a liderar unha das revoltas irmandiñas do século XV que liberaría aos labregos oprimidos e acabaría cos nobres tiranos. Dividido en catro actos, na peza conxugarase a historia da rapaza con feitos acontecidos ao longo dos diferentes anos do festival irmandiño. Un traxecto evolutivo repleto de dificultades, renuncias e traxedias que axigantan a épica tanto da protagonista como do festival ata acadar o tan especial aniversario orgullosos da valentía e tenacidade demostradas.

A obra contará co seu compoñente imprescindible, a mestura de pasado e presente, cunha crítica á sociedade actual: impasible, conformista e servil. Agochada nun modesto formato de fábula os personaxes son animais tales como lobos e porcos.

04 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.