Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Búscanse voluntarios para limpar o banco marisqueiro da Vasa, en Camariñas

O programa ‘Volando voy’, de Jesús Calleja, farase eco desta nova acción medioambiental

A Asociación Mar de Fábula, xunto coa Agrupación de Mariscadoras de Camariñas e contando co apoio e colaboración loxística do concello, fai un chamamento a veciños e voluntarios dispostos a participar nunha nova recollida de lixo mariño na contorna da zona marisqueira da Vasa o vindeiro sábado 10 de xullo.

Os interesados en colaborar están citados ás 9.00 horas diante do concello camariñán. Hai que levar máscaras e a efectos de cobertura de seguros e medidas sanitarias, é preciso inscribirse a través do correo info@mardefabula.es, das páxinas web da confraría e o concello ou chamando ao 608 609042. As luvas e os sacos para recoller o lixo mariño serán aportados pola administración local.

Unha das novidades desta sexta xornada de limpieza é que vai ser recollida polo programa Volando Voy, de Cuatro. O director do mesmo, o leonés Jesús Calleja, será o encargado de dar a coñecer ao gran público a preocupación das mariscadoras e pescadores da baixura por manter limpas de lixo mariño as augas nas que traballan, “ao tempo que as cámaras do programa deixarán ver a beleza tranquila e acolledora da ría de Camariñas e a bravura do seu litoral exterior”, segundo asegura Xosé Manuel Barros, portavoz do colectivo ambiental.

Lembra que “a preocupación e coidado manifestado pola Agrupación de Mariscadoras de Camariñas para manter limpa e saneada a contorna da súa área de traballo, ten chamado a atención de diferentes medios de comunicación, tanto de prensa escrita como de radio e televisión ao longo destes anos”.

Unha difusión que agardan que axude a incrementar a concienciación sobre a importancia de manter limpos os mares e océanos.

Hai que sinalar que, Mar de Fábula, co apoio doutros colectivos e dos concellos da zona, leva varios anos impulsando iniciativas ambientais tanto a nivel educativo, nos colexios e institutos, como de limpeza de praias e coídos non só na Costa da Morte, senón tamén noutros puntos do litoral da provincia.

SENSIBILIZAR. Un aspecto moi importante, no que incide o seu voceiro, Xosé Manuel Barros, é a implicación da cidadanía naquelas zonas onde programan as súas actividades. Entenden que esa é a clave para que estas accións non só se queden nunha retirada do refugallo que o mar devolve ás nosas costas, senón que buscan tamén sensibilizar á poboación da importancia que teñen moitos dos xestos cotiás que realizamos a diario e que, se somos capaces de mudar certos hábitos, a cantidade de lixo que acabaría no mar veríase reducida dun xeito importante.

06 jul 2021 / 18:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.