Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 01 diciembre 2020
13:00
h
Medio Ambiente. Impulsou unha campaña nas redes sociais con vídeos que están protagonizados por veciños que xa forman parte do programa municipal // O reto é contribuir a frear o cambio climático, aforrar custes e obter abono TEXTO J. Ramos

Camariñas busca duascentas familias máis para compostar

O Concello de Camariñas puxo en marcha unha singular campaña audiovisual coa fin de captar 200 novas familias para o programa de compostaxe municipal. A iniciativa articulase a redor dunha serie de vídeos que difundirá nas redes sociais e nos que os protagonistas son os propios veciños e veciñas que xa están a compostar.

Xa se publicou en Facebook, Twitter, Youtube, Whatsaap e na web do Concello o primeiro dos cinco pequenos e orixinais vídeos baixo o título Rede Compost da Vida Camariñas. Os participantes en edicións anteriores contan aos espectadores a súa experiencia e convidan a participar aos novos veciños e veciñas.

A concellaría de Medio Ambienta camariñana decidiu poñer en marcha este programa de compostaxe doméstica para impedir que os residuos orgánicos dos fogares que conten cun pequeno terreo cheguen aos contedores de rúa, pechando así o ciclo da materia nas propias casas.

O proxecto, que durará doce meses e está financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, atópase actualmente na primeira fase de difusión e captación de participantes, e da súa coordinación encárgase a Asociación Amigos da Terra.

Preténdese que duascentas novas familias comecen a reducir residuos a partir da implantación do programa e a transformalos en compost para os seus xardíns ous plantas. “Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos á planta, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e, por tanto, freando o cambio climático”, afirma Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente.

Unha vez seleccionadas as 200 familias participantes terá lugar a súa formación e un período de seguimento personalizado por parte das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán aos veciños e veciñas ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso. O interesados en sumarse a esta iniciativa poden inscribirse chamado ao número 981 737004 ou enviando un correo electrónico ao enderezo medioambiente@camarinas.net.

VIMIANZO. O Concello de Camariñas é un dos pioneiros á hora de apostar pola compostaxe caseira na Costa da Morte. Recentemente vén de sumarse tamén a esta iniciativa medioambiental o municipio veciño de Vimianzo, onde queren involucrar a un total de 161 familias.

As interesadas só teñen que solicitar a súa participación a través da web do concello (vimianzo.gal) ou chamar ao 981 716001. O persoal responsable do proxecto porase en contacto cos inscritos para coordinar a entrega dos composteiros e os aireadores. O requisito é dispor dunha parcela de 50 metros cadrados.

Dende o goberno local aseguran que “a idea dun Vimianzo sostible está sempre presente na acción do executivo, pero non será posible sen o compromiso da cidadanía”. Lembran que a compostaxe permite transformar os restos orgánicos en compost de moi alto valor para calquera tipo de plantación, “ademais de reducir drásticamente os quilos de lixo que o concello ten que levar a Sogama e polo que ten un importante custo económico”.

O protagonista
“Os que se animan xa non o deixan”
Image
Sergio Caamaño
Concelleiro de Medio Ambiente de Camariñas

O concelleiro de Medio Ambiente de Camariñas, Sergio Caamaño, lembra que o municipio foi pioneiro nesta iniciativa, que impulsaron xa no 2009. Hoxe xa teñen douscentos fogares compostando e agora asumen o reto de doblar esa cifra. “Presentamos un novo proxecto á Xunta de Galicia e concedéronos unha subvención para afrontar este novo reto”, afirma.

Fixeron un estudo e “comprobamos que en Camariñas os 50% da poboación pode compostar, xa que a metade vive en vivendas unifamiliares”.

O obxectivo é que outros 200 fogares dén agora o paso. “Unha vez que se animen seguro que non deixarán de compostar”, sinala Sergio Caamaño. De feito, engade, dos que se sumaron ao programa “só causaron baixa os que faleceron”.

No ano 2010 fixeran un estudo e comprobaron que o entre o 50 e o 70% dos residuos que acababan no colector verde podían compostarse. Por iso, coa compostaxe “estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviados ó ciclo da xestión municipal, producindo un importante aforro, ademais de obter un produto de gran calidade para os solos do noso municipio”, afirma.

Lembra que o único requisito para sumarse a este programa é “ser veciño do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto e motivado a formar parte deste proxecto educativo e formativo”.

{ Pasaba por aquí }
Un beneficio para todos
Manuel Lavandeira

É difícil decir que non cando a un lle fan unha proposta na que sempre sae gañando. Este é o caso da compostaxe caseira. Só hai un requisito: deixar de tirar todo á bolsa do lixo e depositar os residuos orgánicos e os restos de podas nun composteiro, que non hai nin que comprar, pois os concellos que apostan por este modelo están a entregalos de balde e, a maiores, ensinan aos usuarios a facer un bo uso dos mesmos. E non só iso, pois este sinxelo xesto permite a quen o fai obter un compost (abono) ecolóxico e de alta calidade gratis. Por se iso fose pouco, a reducción do lixo que acaba nos colectores verdes suporá un aforro importante para as arcas municipais e unha gran axuda para o medio ambiente. Qué máis se pode pedir?

21 nov 2020 / 20:16
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.