Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Camariñas modernizará a lonxa na procura de máis eficiencia e seguridade

Renovaranse pavimentos, alumeados e illamentos // Dotarán vestiarios para os traballadores // As obras comezarán hoxe

Camariñas disporá en breve dunha lonxa de pescados e mariscos máis segura e eficiente, logo de que se acometan as obras de acondicionamento e mellora dos aspectos hixiénico-sanitarios, dos elementos das condicións de traballo e seguridade, así como da eficiencia enerxética, que comezarán hoxe, segundo informou a Consellería do Mar.

Trátase dun proxecto impulsado no 2018, que complementará as actuacións de emerxencia acometidas o pasado ano por Portos de Galicia, logo de que as instalacións da confraría camariñana sufrisen importantes desperfectos na súa cuberta a causa dos temporais.

Agora, as actuacións centraranse no interior e terán como obxectivos mellorar o pavimento da sala de subastas e tamén as condicións térmicas da mesma, así como renovar o alumeado e o portal de acceso, converter os aseos en vestiarios e construír unha oficina para o control das poxas.

O actual pavimento presenta, segundo se recolle no proxecto, “moitas faltas” e está “levantado en diferentes zonas” polo propio uso e desgaste co paso do tempo, polo que será reemplazado por outro que sexa facilmente lavable e antiesvarante. Para iso levantarán parte da soleira existente para habilitar un pavimento continuo de formigón armado con fibras de polipropileno, con aditivos colorantes, de modo que quede “unha superficie continua en cor a definir”. Isto permitirá mellorar as condicións de traballo e facilitará a limpeza, reforzándose así tamén as condicións hixiénico-sanitarias.

Ademais, a sala de subastas actual non garante unha temperatura adecuada e estable para a actividade que se leva a cabo nela, polo que se pretende “trasdosar interiormente os paramentos que a delimitan, con panel frigorífico”. Deste modo, garantirase un mellor funcionamento desde o punto de vista térmico “e manterase a iluminación natural que ten a lonxa”. A maiores substituirase o falso teito desmontable actual por un de paneis frigoríficos.

Estes cambios reforzarán as condicións hixiénico-sanitarias ao facilitar a limpeza dos paramentos, ao tempo que mellorarán a eficiencia enerxética e o confort térmico interior dos espazos, “mellorando deste modo as condicións dos traballadores”.

Por outra banda, substituiranse as luminarias de elevada potencia coas que conta a instalación, por outras de tipo LED que permitirán un aforro enerxécito considerable. Segundo os estudos realizados este cambio permitirá reducir o consumo de enerxía primaria non renovable de 201,2 a 168,3 KWh/m2, o que representa unha mellora dun 10,92%. Ademais, as emisións de dióxido de carbono veranse reducidas de 43,2 a 36,52 Kg/m2, o que supón igualmente unha mellora de máis do dez por cento. E todo isto, actuando só na sala de subastas.

A maiores, no proxecto de modernización contémplase tamén substituír o portal basculante de acceso, que se atopa en moi mal estado, por outro automatizado, dotado de porta rápida, para evitar así que teña que estar aberto permanentemente.

Outra das carencias da actual lonxa é que non dispón de vestiarios para os traballadores da sala de poxas e pescadores, polo que transformarán os aseos da planta baixa en vestiario equipado cunha ducha. Ademais, habilitarase unha nova oficina de control das subastas da lonxa, en substitución da actual caseta prefabricada.

TRES MESES. As obras de remodelación da devandita instalación comezarán hoxe, segundo confirmaron dende a Consellería do Mar e o prazo de execución dos traballos previsto é de tres meses.

Os labores foron adxudicados á empresa Construcciones y Excavaciones Germán Mouzo e o investimento ascende a 102.850 euros.

O patrón maior da confraría, José Ramón Lema, confía en que con estas actuacións “poidamos contar cunhas instalacións en condicións, como viñamos demandando”, o cal repercutirá na mellora da competitividade do sector pesqueiro e marisqueiro do porto de Camariñas.

Por dentro e por fóra
Renovación integral

··· Os traballos que van comezar hoxe serán o complemento á actuación acometida no inverno de 2020, co se completará unha renovación integral das instalacións portuarias da confraría de Camariñas.

··· As actuacións comezaron en febreiro do pasado ano, despois de que os fortes ventos da borrasca Elsa levantasen o 18 de decembro de 2019 parte das planchas metálicas da cuberta do edificio que acolle as oficinas da confraría e tamén a lonxa de pescados e mariscos. Durante un tempo, a causa dos desperfectos, no interior do inmoble tiveron que colocar caldeiros para recoller as goteiras de agua, e mesmo inhabilitar algunhas dependencias ao verse afectada a instalación eléctrica das mesmas.

··· Uns problemas que quedaron solventados a pasada primavera, co que agora esa renovación exterior verase completada cunha reforma integral no interior buscando así optimizar as dependencias de todo o inmoble.

18 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.