Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camariñas vai dotar a unhas duascentas vivendas de composteiros

Levarase a cabo unha campaña informativa porta a porta polas distintas parroquias

Camariñas. O Concello de Camariñas inicia o proxecto de compostaxe doméstica nas vivendas, que continúa coas campañas que se realizaron nos últimos anos. A finalidade agora é a implantación da autocompostaxe en 200 vivendas, que dispoñan de terreo ou espazo apto para elo.

Tamén se creará unha rede para promover a concienciación e intercambio entre compostadores locais a través dunha canle de comunicación por telefonía móbil e un encontro anual para a visibilización de boas prácticas.

Nas próximas semanas realizarase unha campaña de información e captación porta a porta polas parroquias do concello. As persoas informadoras explicarán á cidadanía os valores da autocompostaxe de residuos domésticos e inscribirán ás vivendas que desexen participar.

Neste programa recibirán composteiros gratuítos e apoio e formación continuada por persoal especializado.

O programa de compostaxe doméstica nas vivendas de Camariñas encádrase na política de loita contra o cambio climático e súmase aos beneficios ambientais asociados aos obxectivos de xestión de residuos. Para o desenvolvemento das actividades para este ano e para o que vén, o Concello contará cunha axuda da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse na Axencia de Desenvolvemento Local de Camariñas, na Casa de Pedra da localidade, chamando ó teléfono 981 737 004 ou enviando un email a medioambiente@camarinas.net. c. g.

20 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito