Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Sendeirismo. Senda Nova volverá a unir lugares de interese ambiental, cultural e paisaxístico no Outono en Marcha // Comezarán o domingo pola ruta das capelas da Laracha // Pazos e carballeiras guiarán aos zaenses este sábado TEXTO J. M. Ramos

Camiñando e aprendendo por terras de Bergantiños e Zas

Comezan a caer as follas e sobre elas volverán camiñar os amantes da natureza e seguidores da asociación Senda Nova, que na fin de semana vén de presentar no Espazo da Natureza de Oza a novena edición do Outono en Marcha. Un novo programa, pero “con vellos, moi vellos obxectivos: coñecemento do entorno a través de percorridos deseñados para unir lugares de interese ambiental, cultural e paisaxístico”, asegura o presidente do colectivo, José Manuel Menéndez.

Aproveitando o “condimento especial do outono” percorrerán seis roteiros ben coñecidos xa por quenes seguen as pegadas de Senda Nova. Iso non implica que vaian deixar de sorprender, nin moito menos. Botaranse aos camiños e corredoiras o vindeiro domingo, día 18 de outubro, para percorrer a Senda das Capelas e descubrir os segredos da terra de zapateiros no interior profundo da Laracha. O domingo 25 ecoloxía e paisaxe encherán de contido o roteiro Razo-Baldaio para protexer, pola costa de Carballo.

Xa en novembro, o día 8, os camiñantes seguirán a Vía Alcaianus, seguindo as pegadas romanas desde a lagoa de Alcaián (Coristanco). Historias de meigas e volframio encherán de contido o roteiro Pegadas do volframio que os levará ata o balcón de Monte Neme, por terras de Carballo e Malpica de Bergantiños.

E o día 22 percorrerán as Terras do Marqués, nas que poderán contemplar pazos señoriais e as fértiles agras de Bergantiños. O Outono en Marcha chegará a súa fin o día 29 de novembro, coa Ruta das Férvedas, na que os participantes desfrutarán contemplando os espectaculares saltos de auga que estoupan na depresión meridiana carballesa.

Propostas que pretenden dar a coñecer a comarca de Bergantiños a través de camiñadas de carácter interpretativo. Os interesados en participar poderán inscribirse ata dous días antes de cada roteiro. Os prezos son de 6 euros para os maiores e 3 para os menores, namentras que os socios de Senda Nova só terán que pagar 3 € os adultos e 1 os nenos. A inscrición pode facerse na base de Protección Civil de Carballo, no Espazo da Natureza de Oza, no Museo Bergantiños, e tamén no departamento de Cultura e Deportes do Concello da Laracha. Para máis información pódese consultar a páxina web www.sendanova.org, o Facebook da asociación, enviar un correo electrónico a sendanova@hotmail.com ou chamar ao 611 037 617.

As prazas son limitadas, e do avituallamento e o transporte encargarase Senda Nova dende os lugares de saída de cada andaina.

Sinalar que ao acto de presentación da programación asistiron representantes dos concellos de Carballo, Coristanco e A Laracha, así como representantes da Plataforma en Defensa do Monte Nema. Dende Senda Nova amosan o seu agradecemento a todos eles “e ás institucións que representan que, sumadas a Protección Civil de Carballo, forman parte do encaixe de bolillos deste proxecto”, aseguran.

GUIADOS POLA AUGA. Pola súa banda, en Zas, xa se botaron aos camiños a comezos de outobro co programa Andainas de Outono, promovido polo Concello. O sábado percorreron a ruta da auga, que achegou aos participantes a fervenzas, muíños, batáns, pontellas, abellarizas, mámoas e mesmo un castro, inmersos todos eles nunha paisaxe de variada flora e fauna. Camiñaron por antigos camiños recuperados e sendas de ribeira.

O ciclo rematará o sábado, día 24, coa ruta das carballeiras, que pasa polo castro de San Adrián e os pazos de Romelle e Edreiras. Sairán ás 10.00 horas da Praza do Concello.

12 oct 2020 / 16:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.