Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carreira do Leite e Brinde Leiteiro en Mazaricos para despedir o ano

Circo, deporte, concerto de aninovo e unha nova tractorada de Reis son outras das grandes citas

Mazaricos volve celebrar o Nadal cun completo programa de actividades para o conxunto da veciñanza. Os eventos deron comezo co festival de Nadal da Escola de Música Moderna de Mazaricos, que tivo lugar o día 8, e a representación teatral Top Manta o pasado día 11. A programación prosegue o vindeiro venres, 23 de decembro, co espectáculo circense Crunch!, un show espectacular que inclúe equilibristas, malabaristas, saltos mortais, golpes, caídas e moitas gargalladas, a cargo de Óscar Paez e Dani Blanco, da compañía Muu. Será no recinto feiral da Picota dende as 17.00 horas.

O xoves 29 de decembro, as nenas e nenos de Mazaricos poderán desfrutar dunha estupenda tarde de inchables no recinto feiral, a partir das catro do serán. Non faltarán sorpresas, como a visita do Apalpador.

O sábado 31 de decembro Mazaricos celebra a V Carreira do Leite e o VI Brinde Leiteiro. A inscrición en calquera das catro categorías da carreira pode facerse online ata o día 27. A recollida de dorsais poderá facerse o propio día 31 dende as 10.00 horas da mañá na Casa de Cultura. A saída da categoría Xatiños (nenas e nenos nados de 2015 a 2018) será ás 11.00, seguida ás 11.15 h por Becerros (nenas e nenos nados entre 2012 e 2014). A terceira categoría, Xovencas (2007 a 2011) sairá ás 11.30 h. Ás 11.45 h será a saída da categoría Vacas (nados antes do ano 2007).

Ao remate da carreira, aproximadamente dende as 12.00 horas, procederase a unha nova edición do Brinde Leiteiro, o evento con que Mazaricos se reivindica, cada final de ano, como o corazón lácteo de Galicia.

Ao día seguinte, domingo 1 de xaneiro, un novo ano arrinca en Mazaricos co tradicional Concerto de Aninovo, a cargo da Coral Polifónica de Urdilde. Será na Casa de Cultura ás 18.00 h, e a continuación as persoas asistentes compartiran unha estupenda chocolatada con churros. Ás 19.30 h celebrarase o Baile das Persoas Maiores, con música a cargo do Dúo Élite.

O xoves 5 de xaneiro celebrarase unha nova edición da Tractorada de Reis, que partirá ás 17.00 h. do recinto feiral. As súas maxestades volverán visitar Mazaricos para traer agasallos e ilusión a nenas e nenos nun vistoso percorrido pola localidade.

Un ano máis, o Concello habilita un servizo de Nadal Lúdico orientado á conciliación das familias. Dirixido a nenas e nenos escolarizados en Mazaricos, celebrarase, con grupos de polo menos 8 rapaces, no CEIP Víctor Sáenz, no Local Social de Eirón e mais no antigo CEIP de Pino de Val. Desenvolverase os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, e do 2 ao 5 de xaneiro, ambos incluídos. O horario será de 9.00 a 14.30 h.

22 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.