Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 10 agosto 2022
21:05
h

Cee aforrará máis do sesenta por cento coa renovación da rede de iluminación pública

A subdelegada do Goberno, María Rivas, supervisou coa alcaldesa, Margarita Lamela, os proxectos que se están a executar // O investimento acada os 2,5 millóns de euros

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, supervisou coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, os proxectos medioambientais e enerxéticos nos que o Concello e o Goberno de España están investindo 2,5 millóns de euros. A execución destas iniciativas suporá, ao remate das actuacións, a renovación da totalidade da iluminación pública do municipio, ademais de permitir un aforro enerxético medio de aproximadamente o 61 % respecto ao consumo existente ata o momento.

O Concello xa rematou sete proxectos de renovación da iluminación pública en varias zonas do municipio, dentro da liña de axudas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Substituíron as luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED e modernizaron tamén os equipos e cadros eléctricos, “o que posibilitará que os veciños e veciñas do municipio dispoñan dunha iluminación de mellor calidade, baixo criterios de sostibilidade ambiental e de aforro enerxético”, afirman.

Actualmente están a traballar noutros cinco proxectos de renovación da iluminación pública. Todos estes plans, tanto os xa rematados como os que están en execución, afectan ás distintas zonas de Cee (Fadibón, Grixa, Sicar, Escabanas, Ancares, Valiñas, Bermún, Gures, Ameixenda, A Pontella, Estorde, Toba, Tedín, Canosa, etc). A actuación global está estruturada en doce proxectos, nos que se plantexan aforros enerxéticos que oscilan entre o 48 % e o 82 %, e permitirá renovar practicamente a totalidade dos 3.227 puntos de luz existentes, instalando ademais outros 69 novos.

Dentro desas inversións de 2,5 millóns de euros, tamén se inclúe a xa rematada rehabilitación enerxética da casa consistorial, cun importe de 533.148 euros. Este ambicioso proxecto abarcou a realización de varias reformas en diferentes partes do edificio. Mellorouse fachada mediante a incorporación de illamento térmico polo exterior para eliminar as pontes térmicas existentes. Ademais, a cuberta foi substituída por outras que inclúen illamento térmico e as xanelas cambiáronse por un total de 104 unidades de carpintería con novos perfís. Todas estas actuacións permitiron solucionar os problemas de entrada de auga e humidades. Así mesmo, a reforma tamén permitiu que se pase dunha cualificación enerxética D a unha B, ao diminuír as emisións de CO2 con respecto ao dato anterior (de 34.9 kg de CO2/m2 ano a 17,6 kg de CO2/m2 ano)

A subdelegada do Goberno destacou o compromiso do Executivo presidido por Pedro Sánchez coas políticas de medio ambiente, e puxo de exemplo esta serie de actuacións, cun cuantioso investimento, que permitirán unha importante redución na factura eléctrica do Concello.

Seguridade nas festas

A visita da subdelegada a Cee tamén serviu para coordinar a seguridade nas festas da Xunqueira, que se celebran entre o 13 e o 16 deste mes. Neste sentido, Rivas subliñou a “total disposición” a colaborar co Concello desde a Subdelegación e desde as forzas e corpos de seguridade do Estado para establecer os dispositivos necesarios para evitar calquera tipo de incidente naqueles eventos e lugares que congreguen un maior número de persoas”.

No transcurso da reunión lembraron que, tras dous anos cunhas celebracións marcadas polo covid, este verán as festas volven a normalidade cun amplo programa. “Debemos, por tanto, reforzar o dispositivo de seguridade na medida do posible, e facer máis fincapé que nunca na necesidade de respectar as recomendacións das autoridades para que estas datas sexan garantía de diversión, pero tamén de seguridade”, concluíu Rivas.

06 ago 2022 / 10:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.