Cee recupera a oferta físico-deportiva dos tempos anteriores á COVID
Baixo o lema Todo o Deporte no Concello de Cee 2021-2022, os ceenses poderán recuperar este curso a intensidade físico-deportiva dos tempos anteriores á COVID grazas a unha ampla e variada oferta de escolas deportivas e actividades no complexo da piscina municipal. Na web municipal (www.cee.gal) pódese consultar todo o programa, que está dispoñible tamén nas redes sociais ou a través do código QR que enlaza co mesmo.
O obxectivo é consolidar á vila de Cee como un referente comarcal no eido deportivo, no referido á oferta diversa, así como pola rede de instalacións municipais e o número de persoas que fan deporte. Despois dun verán, onde o número de participantes nos diferentes campus, actividades e programas foi moi importante, dende o Servizo de Deportes Municipal, que dirixe o concelleiro Juan Buiturón e coordina o técnico municipal Manuel Calo, espérase que este programa teña a mesma acollida.
A alcaldesa, Margarita Lamela, agradece a todos os clubs deportivos a súa labor “exemplar e responsable”, e tamén destaca a sorte que ten Cee “ao contar cunha instalación deportiva da relevancia do complexo deportivo da piscina municipal que presta, sen lugar a dúbidas, un servizo vital dende o punto de vista da práctica da actividade física así como da saúde”.