Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cinco colectivos esixen transparencia nas axudas a parques eólicos da Costa da Morte

Denuncian unha división “artificiosa” que impide á cidadanía participar nas avaliacións ambientais

Vimianzo. A asociación Petón do Lobo, a Plataforma As Salgueiras, a Plataforma Quijote de Outes, e os colectivos Cova Crea e Ouriol do Anllóns piden ao conselleiro de Industria e vicepresidente segundo “información e transparencia” en relación ao Proyecto Eolo I (Viento) - Fase II da mercantil Greenalia S.A. e que o Banco Europeo de Inversións (BEI) financia con diñeiro público, coa intermediación da Xunta.

Aseguran que o 8 de abril de 2020 o BEI iniciaba a taxación do proxecto que financia a implementación dunha carteira de parques eólicos que se ubicarán en Galicia. O obxectivo da financiación era o desenvolvemento de 127 MW de enerxía que se instalarían en catro parques cun monto aproximado de 128 millóns de euros “de diñeiro público”. Lembran que a empresa xa con anterioridade fora proposta polo BEI para unha financiación de 450 millóns de euros, para o desenvolvemento de proxectos de enerxía renovable, “se ben non hai constancia de retorno económico algún dese diñeiro na Costa da Morte”.

Varias entidades ecoloxistas soliticaron ao BEI información relacionada “cos coñecementos que a entidade pública europea dispoñía sobre a división artificiosa dos parques Campelo, Bustelo e Toural que a mercantil prevé instalar en Coristanco, Carballo e Santa Comba”. Sinalan que “coa fragmentación irregular dos proxectos impediuse á cidadanía participar na avalización global do impacto ambiental da infraestrutura conxunta”.

A este respecto, aseguran que os proxectos de Greenalia (herdados doutros presentados en 2010, e recuperados pola Xunta en plena pandemia como Proxectos de Especial Interese Industrial para reducir prazos) comparten boa parte das infraestruturas (vieiros, gabias do cableado, SET, e liña de evacuación).

A mesma problemática, engaden, preséntase cos parques eólicos Alto da Croa, Alto da Croa II, Monte da Tella e Monte Tourado que a empresa prevé implantar en Vimianzo e Dumbría. “O parque Monte da Tella non é máis que a ampliación encuberta do Alto da Croa II e Monte Tourado”. O proxecto de Monte da Croa, cunha declaración de impacto ambiental publicada no 2010, "aínda estaba en trámites a principios deste ano 2021, sen que constara a prórroga de efectos do documento ambiental e con visos de caducidade deste”.

Por outra banda, “hai que lembrar a sombra que pesa sobre a empresa en relación ao posible acceso a información privilexiada relacionada cos planos de xestión de especies protexidas, elaborados e aínda non publicados pola Xunta de Galicia, e que se evidenciou durante a tramitación do parque eólico O Cerqueiral”, afirman. M. Lavandeira

12 jul 2021 / 17:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.