Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comezarán na primavera as obras da rede de saneamento de Cee e Corcubión

Cee. A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 20 ofertas para executar a mellora do saneamento de Cee e Corcubión, licitada por un investimento de máis de 8,1 millóns de euros. Catro delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 24 empresas.

As actuacións conforman a primeira fase das intervencións proxectadas pola Xunta ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Corcubión. O obxectivo é solucionar as deficiencias que presenta na actualidade a rede municipal destes dous concellos, redundando na mellora da calidade das augas desta ría. O departamento que preside Ethel Vázquez adxudicará as obras no primeiro trimestre de 2022 para empezar, na primavera, coa súa execución. Prevese que os traballos estean rematados a finais de 2023.

Estas obras están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 14-20. O proxecto obxecto deste contrato redactouse a partir dun estudo previo que constatou deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.

Estes problemas severos, ademais de provocar vertidos aos ríos, tamén causan que a praia urbana teña indicación de prohibición do baño e perxudican, ademais, a actividade dos profesionais do mar.

As obras que se van realizar comprenden a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; a construción dun tanque de tormentas; a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque e cara á depuradora. Tamén se habilitarán un by-pass e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque ou aliviadas; e construirase un novo bombeo ata a depuradora.

Esta actuación achegará tamén valor engadido ao municipio, coa integración paisaxística do tanque de tormentas cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo.

Outras actuacións

Augas de Galicia tamén está a redactar o proxecto de construción da nova depuradora, manténdose a aposta autonómica por apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga. Esta intervención, cuxa redacción do proxecto foi licitada por 347.000 euros, correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría.

12 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.