Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Comezaron en Cee as negociacións do orzamento local por valor de 6,2 millóns

O BNG condiciona o seu apoio a que se inclúan as súas propostas e se reduzan as adicacións

Cee. O goberno local de Cee (PSOE, 4 edís) presentou xa en comisión informativa unha proposta de orzamento municipal para 2023, por valor de 6,2 millóns de euros. Un documento que, segundo a alcaldesa, Margarita Lamela, contempla incrementos nas partidas dos principais servizos (axuda no fogar, recollida do lixo e limpeza viaria, entre outros), ademais da creación doutros novos, como o de madrugadores para facilitar a conciliación, ao tempo que se amplía a liña de axudas para que poidan acollerse tamén asociacións culturais do municipio.

Asemade, segundo a rexedora, a aprobación do orzamento permitirá actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT) “e mellorar os salarios dos traballadores municipais, algo que non será posible se non se aproba”.

Este martes celebrarase unha nova comisión informativa para tentar avanzar nas negociacións cos grupos da oposición. Dende o BNG xa presentaron, por escrito, a súa proposta “aberta á negociación”, afirman. Piden que se habiliten bolsas de estudo, un plan de mantemento de depuradoras, recuperar as subvencións a entidades culturais e veciñais e habilitalas para deportistas, unha partida para Protección Civil e aumentar a da Fundación Fernando Blanco, un plan de mellora de camiños, luminarias para pasos de peóns e un plan de choque para rematar coas barreiras arquitectónicas.

Para poder financiar esas iniciativas propoñen reducir os “soldos do equipo de goberno, de tres a un”.

A este respecto, a alcaldesa asegura que o BNG “ten que presentar un orzamento serio e concreto para demostrar que pode ser un partido de goberno”. Sinala que a proposta dos nacionalistas “segue a mesma liña doutros anos e non é seria. Deben dicir as partidas que queren recortar para poder financiar as súas demandas, pois os salarios de dúas persoas, que están a traballar para o Concello, non chegan para iso”.

29 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.