Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Concertos musicais e fogos de artificio nas festas patronais da Xunqueira en Cee

Serán unhas celebracións adaptadas á nova normalidade // O poeta, pintor e mariñeiro Xosé Iglesias será o pregoeiro // Rocío Caamaño volverá a actuar na súa terra

Cee celebrará este ano as súas festas patronais na honra da Virxe da Xunqueira dun xeito acorde á nova normalidade, pero de novo con pregón, concertos musicais e fogos de artificio. Despois da exitosa presentación de La vida secreta de Úrsula Bas, a última novela de Arantza Portabales, a alcaldesa, Margarita Lamela, acompañada do concelleiro de Deportes, Cultura, Festexos e Turismo, Juan Manuel Buiturón, e do técnico de Cultura, Víctor Manuel Castiñeira, presentou este venres toda a programación cultural e festiva para un intenso mes de agosto.

A rexedora apelou á colaboración veciñal para que as festas se poidan celebrar dacordo coa “nova normalidade”. Subliñou que este ano recuperase o pregón, que correrá a cargo do poeta e home de mar ceense Xosé Iglesias. Será o venres día 13, a partir das 21.00 horas na Praza 8 de Marzo. De seguido terá lugar o concerto espectáculo Nostálgica e a xornada rematará coa presentación do novo traballo doutra ceense, a cantante Rocío Caamaño.

Salientou tamén a alcaldesa o variado do programa de festas con actividades para todos os públicos e con diferentes localizacións. No día grande, o 15 de agosto, actuará a que está considerada como mellor banda tributo a El Último de la Fila e Manolo García, pechándose a xornada cun festival de fogos de artificio no paseo marítimo que, aínda que lonxe das tiradas de fogos de antes da pandemia, “pretende poñer unha nota de cor nestes tempos grises que nos toca vivir”, afirmou Margarita Lamela.

As bandas de música de Cee e Padrón , a charanga O Rumbo, Os Viqueiras de Ordes con cabezudos, a banda de gaitas de San Xoán de Paramos (Tui), o gran concerto de Óscar Ibáñez o día 16 como peche de festas, e as sesións vermú dos días 15 e 16 coa CDC disco e os grupos La Habitación de la Música e Nuevo Plan completan o variado programa festivo. Todos os concertos celebraranse na Praza 8 de Marzo en espazo acotado e será necesario retirar previamente a entrada na biblioteca municipal.

O concelleiro de Cultura incidiu na variedade de actos programados, para os que será necesario “organizarse” e planificar aqueles actos ós que se desexe asistir, xa que tamén será necesario retirar previamente as entradas na biblioteca debido ao aforo limitado das actividades e á necesidade de cumprir cos protocolos COVID.

Víctor Castiñeira, técnico de Cultura, presentou a programación da VII Semana das Artes Escénicas e Musicais “A EsCEEna”, que este ano trae como novidades dúas funcións en exterior; a exposición Don Gaiferos na Casa de Cultura, que se inaugurará o día 11; e seis espectáculos de primeiro nivel entre os días 17 e 22 de agosto.

Salientou o espectáculo multidiciplinar Don Gaiferos, que abrirá o festival contando coa música en directo do dúo Caamaño-Ameixeiras; o cabaré Fala-me da compañía de Nelson Quinteiro, que conta no elenco co ceense Iván Villar, nominado recentemente coa Nova Galega de Danza ós Premios Max polo traballo Leira; e Dúas pedras no camiño, o famosísimo espectáculo de Mofa&Befa como peche de A EsCEEna.

Completarán a edición deste ano grandes actores como Quico Cadaval, Cándido Pazó e a compañía Malasombra, triunfadora hai dous anos nos Premios Maria Casares con Bernarda, obra que tamén pasou pola cita ceense. Recordou Victor Castiñeira a posibilidade de mercar xa na biblioteca municipal os bonos, “este ano con prezos moi económicos”, e tamén, por primeira vez, a necesidade de mercar as entradas para os espectáculos de cada día con antelación e non o propio día na taquilla.

Desexando un feliz verán e e boas festas para os ceenses e visitantes, os tres coincidiron en pedir a colaboración cidadá para poder levar a cabo toda a programación da maneira máis segura posible, lembrando que xa no verán pasado o Concello de Cee apostou por unha programación cultural ampla e segura.

30 jul 2021 / 22:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.