Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Constituirán unha federación de asociacións para a defensa da Costa da Morte

Marcánse como reto concienciar á sociedade a prol dun novo modelo económico limpo e sustentábel

Logo de case un ano de reflexión colectiva, as persoas e entidades que formaron parte da comisión de coordinación da Asociación pola Defensa da Costa da Morte (Adecom), concluíron a necesidade de constituír legalmente unha federación de ámbito comarcal con vocación de crear unha comunidade ecosocial, natural e cultural que atinxa e defenda os intereses da bisbarra, “acuciada máis que nunca por distintas ameazas que requiren dunha resposta social inmediata, que non pode ser atomizada senón global, coordinada e enfocada a destinar os máximos esforzos a protexer os nosos recursos e intereses da depredación total en mans de empresas sen escrúpulos que operan co visto e prace da Xunta”, afirman.

A asemblea constituínte foi convocada para o 19 de xuño, ás 11.00 horas na Casa da Cultura de Corcubión. Poderán participar, previa confirmación de asistencia en asemblea.adecom.gal, todas as entidades sociais da Costa da Morte que desexen federarse. Tamén está prevista a afiliación individual.

Os retos

Elexiron Corcubión para a súa posta en marcha por ser un dos dous concellos da bisbarra (xunto a Carnota) que, “asumindo a presión social, aprobou declararse libre de eucaliptos, tratándose a oposición a este monocultivo masivo, con todos os problemas que implica, unha das grandes batallas que o noso colectivo asumirá desde o seu nacemento”, aseguran.

Outra das grandes frontes será xestionar a resposta veciñal ante os macroproxectos eólicos “que ameazan nestes momentos os principais espazos naturais da nosa comarca, así coma a loita contra os proxectos de megaminaría que certas multinacionais tentan poñer en marcha na nosa bisbarra”, engaden.

Así mesmo, oporanse ao turismo estival masificado coma única alternativa económica, “modelo que nos condea ao atraso e á dependencia”, e combaterán a perda de patrimonio e biodiversidade, loitarán contra a contaminación a todos os niveis, e tentarán mediante a conciencia social e a divulgación “propiciar un novo modelo económico limpo, substentábel, que permita fixar poboación na zona e mellorar a calidade de vida da veciñanza da Costa da Morte, partindo desde o respecto ao medio natural, o patrimonio cultural e o resto de expresións da nosa identidade coma pobo”, conclúen.

23 abr 2021 / 19:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.