Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cortarán o acceso á vía de Baíñas para colocar lousas na ponte de Baio

O tráfico rodado non poderá acceder dende a AC-552 este luns e o martes de 8 a 20 horas

Zas. A colocación das lousas para a ampliación da ponte sobre o río Grande, en Zas, fai preciso un corte de tráfico este luns e martes no acceso á estrada de Baíñas desde a AC-552 en Baio.

O acceso a esta vía permanecerá pechado entre as 08.00 e as 20.00 horas debido á presenza na estrada AC-552 dunha grúa automóbil de gran tonelaxe, necesaria para a montaxe das lousas sobre a ponte, que impedirá o paso dos vehículos.

Para facilitar a circulación, habilitarase un desvío alternativo por Bamiro para o tráfico rodado, que estará sinalizado coa antelación necesaria. Manterase operativo o paso de peóns, que poderá ser cortado en momentos puntuais, cando se eleven as lousas, por razóns de seguridade.

Os próximos días 29 e 30 procederase á montaxe das 13 lousas que conformarán o taboleiro ampliado da ponte. Trátase de pezas de 12 metros de longo e con pesos que varían entre as 14 e as 25 toneladas. Unha vez montadas, procederase á conexión e ao formigonado das xuntas.

Tal e como se lle trasladou esta mesma semana aos veciños e empresarios de Baio, está previsto reabrir a circulación na ponte ao tráfico rodado o día 10 de decembro. A Xunta lamenta as molestias que as obras lle están a causar a cidadanía pero, a pesar de que se prevé que as lousas queden colocadas entre o luns e o martes próximos, razóns de seguridade fan necesario un tempo desde a colocación das lousas ata a apertura ao tráfico e a entrada en carga da estrutura construída.

Unha vez aberta ao tráfico a ponte, continuarase cos traballos de remate das obras (aglomerado, beirarrúas, sinalización), que precisarán de cortes puntuais. En calquera caso, para minimizar as afeccións, estes traballos realizaranse xa no ano 2022, unha vez finalizado o período de Nadal.

Cómpre lembrar que nesta actuación, ante as dificultades técnicas atopadas ao inicio da súa execución, foi necesario acometer unha reorganización dos traballos e da circulación en distintos momentos, da que foron informados puntualmente os alcaldes dos concellos de Vimianzo e de Zas.

Concretamente, co inicio das obras comprobouse que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e, unha vez eliminado o firme, observouse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente, o que obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, executadas sempre tendo coidado de non danar a estrutura.

A Xunta está a investir 328.000 euros nas obras de rehabilitación e ampliación da ponte sobre o río Grande, co fin de poñer en valor a propia estrutura e a súa contorna, tanto as beirarrúas, como as marxes do río e os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais. A ampliación permitirá reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.

29 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.