Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Dende o día 1 de setembro sumáronse ao servizo 35 familias dos dez concellos que o impulsaron // Estiman en máis dun cento os nenos con necesidades especiais na zona // Habilitaron dous centros asistenciais en O Ézaro e Vimianzo TEXTO J. Ramos

Costa da Morte conta xa coa demandada atención temperá

Despois de meses de traballo e de superar os atrancos da pandemia, onte presentouse oficialmente o demandado e esperado Servizo de Atención Temperá (SAT) da Costa da Morte, que está operativo dende o pasado 1 de setembro e do cal xa reciben apoio 35 familias.

Tratáse dun novo servizo dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos que pretende dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar así a súa autonomía persoal e a inclusión social.

A posta en marcha foi posible grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia, e o servizo dará cobertura a familias de dez concellos: Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Mazaricos, Vimianzo e Zas. A xestión foi adxudicada a Asociación Aspadex, e do día a día encargase un equipo formado por tres especialistas: Inmaculada Giráldez, terapeuta ocupacional, que exerce de coordinadora; Inma Fariña, logopeda e Sonia Lires, psicóloga.

Ademais foron habilitados dous centros de atención, un no Ézaro (Dumbría) e outro en Vimianzo. Neste último celebrouse onte o acto de presentación e unha xornada de portas abertas para dar a coñecer as súas instalacións. Participaron alcaldes, concelleiros e técnicos dos distintos departamentos de servizos sociais, entre outros.

O alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, sinalou que o servizo tiña que poñerse en marcha no mes de maio pero, debido á situación sanitaria, demorouse toda a xestión. A subvención concedida pola Xunta ten carácter anual e o prazo de vigor remata en outubro, polo que, á espera da concesión da correspondente a 2021, o Concello de Dumbría, que foi quen a solicitou, adiantará os fondos necesarios “pois non podemos cortar agora un servizo que acaba de arrancar á espera de que cheguen os cartos”, sinalou Pequeño, quen amosou o seu desexo de que “teñamos éxito polo ben dos nosos veciños e veciñas”.

A directora de Aspadex, Concha Seoane, señaló que este é un proxecto “muy necesario y deseado”, e sinalou que un dos pasos máis difícis foi seleccionar aos profesionais, para o cal recibiron candidaturas incluso desde Cataluña e Madrid.

O presidente de Aspadex, Evaristo Lema, agradeceu a implicación dos concellos e do persoal de servizos sociais para poñer en marcha este servizo que “busca mejorar la calidad de vida de las personas con necesidades especiales”, afirmou.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou a importancia de dar esta cobertura aso nenos e nenas e ás súas familias, e subliñou que “a colaboración entre os dez concellos foi indispensable, e amosa a implicación de toda a Costa da Morte neste eido”.

O seu homólogo de Muxía, Iago Toba, resaltou o feito de que “continuamos ampliando servizos fundamentais para a nosa sociedade, e aumentamos a cobertura para que as nenas e nenos gocen da atención que necesitan”. Lembrou tamén que “esta é unha competencia que debería asumir a Xunta e que os concellos precisamos de axudas para facer fronte de maneira óptima á prestación de servizos”.

a protagonista
“Está tendo unha moi boa acollida”
Inmaculada Giráldez
Coordinadora do Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte

A coordinadora do SAT Costa da Morte, Inmaculada Giráldez, sinalou que, logo das primeiras citas con 35 familias, “vemos que hai moi boa recepción por parte das mesmas, xa que era un servizo esperado e demandado”. Agradeceu a implicación dos concellos e a colaboración dos profesionais das distintas áreas , “que está sendo total, o que demostra que este é un servizo que nos importa”.

Subliñou que se trata dunha asistencia “gratuíta” e de “proximidade, que tenta dar acompañamento ás familias”. Tamén quixo resaltar que o SAT Costa da Morte, integrado na Rede Galega de Atención Temperá, “é unha das agrupacións máis numerosas” e acolle a unha poboación infantil de máis de 1.000 nenos e nenas, “estimándose que un 6% dese colectivo precisa de atención, o que supón que na zona serán arredor duns cen rapaces”.

Giráldez salientou que esta asistencia precisa da colaboración non só dos concellos e dos servizos sociais, senón tamén dos centros de saúde, dos colexios e dos Centros de Información á Muller. Con todos eles están establecendo contactos para poder prestar a mellor atención e dar cobertura a todas as familias que a precisen. Das trinta e cinco unidades familiares coas que xa traballan, a maioría foron derivadas dende Servizos Sociais, e “en breve serán máis de corenta”, indicou.

{ PASABA POR AQUÍ }
Achegar a asistencia
Manuel Lavandeira

NUNS TEMPOS nos que acostumanos a ver como se recortan servizos, especialmente nas zonas rurais, a posta en marcha da atención temperá, ademais de ser algo novo, é unha moi boa nova para a Costa da Morte. Unha asistencia necesaria e demandada que suporá un alivio importante para moitas familias que, ata o de agora, tiñan que desprazarse cos seus fillos ás cidades da Coruña e Santiago. Achegar os servizos á cidadanía non é un privilexio, é unha necesidade. Outro dato a destacar nesta boa nova é o feito de que este é un servizo polo que loitaron, desde a unión, dez concellos. Esto debe ser só punto de partida para afrontar outros retos comúns e para aparcar, dunha vez por sempre, os localismos que a nada conducen.

21 sep 2020 / 16:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.