Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Costa da Morte reforza os seus servizos de proximidade para as persoas maiores

Camariñas habilitou cinco prazas máis nunha segunda casa para este colectivo // En Malpica contarán en breve cun centro de día na antiga Casa do Oleiro de Buño

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, inaugurou este sábado a segunda casa do maior do Concello de Camariñas, dotada de cinco prazas, que se veñen a sumar ás 515 que xa se ofertan en toda Galicia para prestar atención diúrna en municipios onde non existían estes servizos.

Explicou que as casas do maior son unha iniciativa do Goberno galego posta en marcha no ano 2018, co fin de levar coidados aos maiores que viven en localidades con poucos habitantes e onde antes non había este tipo de equipamentos. Así mesmo, subliñou a boa acollida que tiveron estes centros, e que hoxe son xa 104 en Galicia.

Ademais das dúas casas do maior de Camariñas, tamén contan con estes servizos outras localidades da Costa da Morte como podn ser Laxe, Ponteceso, Muxía e Cee.

As casas do maior enmárcanse na aposta do Executivo autonómico por achegar ás persoas maiores servizos de proximidade, que lles permitan vivir esta etapa das súas vidas onde e como prefiran. Entre estes, destacan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais aos domicilios de 25.000 maiores; o programa de Coidados porta a porta, co que se prestan servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100 % de balde por toda Galicia; ou a teleasistencia avanzada, que pon a tecnoloxía a disposición dos maiores ofrecéndolles axuda e seguimento con tan só premer un botón.

Durante a súa visita a Camariñas, a conselleira estivo acompañada pola alcaldesa, Sandra Insua; a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Tajes; o edil de Obras, Sergio Caamaño; o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, e a concelleira de Encaixe e Cultura, Encarna Liñeiro, entre outros membros da Corporación municipal.

Previamente, Fabiola García tamén visitou as instalacións do futuro centro de día municipal de Malpica de Bergantiños, na compaña do alcalde, Eduardo Parga, e de varios concelleiros do grupo de goberno local.

A Administración autonómica investiu na habilitación do referido espazo un total de 150.000 euros, a metade do custe total da obra. Estas instalacións sitúanse na antiga casa do Oleiro de Buño, e contan con vinte prazas de atención aos maiores.

A conselleira asegurou que “é unha clara aposta pola conciliación dos maiores, aportándolles servizos de proximidade, porque son persoas que non queren estar soas nas súas casas e precisan de coidados e unha atención de máxima calidade”.

Pola súa banda, o alcalde, Eduardo Parga, amosou a súa satisfacción e a do seu equipo de goberno por ver cumprida unha demanda “pola que xa comezamos a traballar na anterior lexislatura, pois é un servizo moi necesario xa que temos unha poboación envellecida”. Agarda que nun par de meses queden rematados todos os trámites administrativos e se poida licitar a xestión do centro para que poida abrir as súas portas.

15 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.