Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Creatividade a prol da igualdade no IES Terra de Soneira de Vimianzo

Mateo Calzas gañou o concurso convocado polo Concello e a súa creación será empregada nos documentos oficiais // Saray Pérez recibiu unha mención especial

O salón de actos do IES Terra de Soneira acolleu a entrega de premios do Concurso de Imaxe Gráfica de Igualdade organizado polo Concello de Vimianzo, no que participou o alumnado do instituto. Mateo Calzas Moreira foi o gañador do certame, que outorgou unha mención especial a Saray Pérez Rama. A iniciativa foi organizada con motivo do Día da Muller, 8 de marzo, co obxectivo que a mocidade reflexionara sobre temas como a identidade de xénero, os roles e estereotipos ou a discriminación, entre outros.

O xurado, composto pola concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, María José Pose, o técnico de Deportes, Victor Santos, a técnica de Cultura, Nieves Lema, a profesora do IES Terra de Soneira, Beatriz Álvarez, e o ilustrador vimiancés, Rubén Rial, analizou un total de 36 propostas, elixindo ás persoas finalistas e gañadoras baseándose en cuestións como a finalidade do deseño, a temática, o formato e a orixinalidade.

A creación de Mateo Calzas será a empregada como distintivo nas comunicacións e documentos oficiais do Concello. No acto entregóuselle o diploma -no que xa se incluíu o seu logo- xunto cun vale para consumir no comercio local e unha peza de artesanía coa forma do castelo de Vimianzo. Saray Pérez Rama levou o premio mención especial pola temática e orixinalidade da súa proposta á hora de plasmar a brecha salarial de xénero e recibiu tamén outra peza de artesanía.

As obras de Manuela Pais Tedin, Eva Pérez Martínez, Lucía Roget Blanco, Samuel Suárez García e Isaac Varela Gándara foron as finalistas deste certame. No acto de entrega dos premios, ademais das persoas galardoadas, participaron tamén a coordinadora do proxecto no centro educativo, María Jesús Domínguez, a coordinadora do concurso, Melina Regueira, a concelleira María José Pose, o técnico de Deportes, Victor Santos, e a profesora Beatriz Álvarez.

23 jun 2021 / 19:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.