Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Decomisan trinta quilos de marisco extraído de xeito irregular por un furtivo en Cee

O Servizo de Gardacostas de Galicia desenvolveu na tarde de mércores un operativo conxunto co Servizo Marítimo da Garda Civil na Coruña que permitiu interceptar a un furtivo que extraeu máis 30 quilos de marisco de xeito irregular no porto de Cee.

Os axentes decatáronse de que o presunto infractor estaba a extraer recursos mediante mergullo nas proximidades do espigón do peirao e fixéronlle seguimento ata o momento no que ía abandonar o porto no seu vehículo coas capturas obtidas. O operativo permitiu comprobar que o interceptado carecía do permiso necesario para exercer o marisqueo e que o facía con medios prohibidos -mediante mergullo coa axuda dunha botella de osíxeno- polo que estaba a infrinxir varios artigos da Lei de Pesca de Galicia.

Ante esta situación, os axentes procederon a comisar o marisco que levaba no vehículo -25 quilos de ameixa e algo máis de sete quilos de berberecho- e a incautar os útiles empregados, entre os que se atopaban dúas aletas, unhas gafas, a botella de osíxeno e o chaleco do equipamento de mergullo así como un saco de rede, un par de guantes e un cinto con chumbos.

O marisco comisado foi levado á lonxa de Corcubión para a súa pesada e posteriormente entregado ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia para a súa sementeira na mesma zona da que fora extraído.

17 jun 2021 / 12:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.