Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Demandan a continuidade da autovía de Costa da Morte dende Baio ata Berdoias

A asociación veciñal de Fisterra considera que o tramo ata Vimianzo “non soluciona nada”

Fisterra. O presidente da Asociación de Veciños Costa da Morte, de Fisterra, José Fernando Carrillo, remitiu un escrito á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para demandarlle que proceda “á contratación da segunda fase da autovía” para darlle continuidade dende Baio (Zas) ata Berdoias (Vimianzo).

Carrillo Ugarte lembra que cando se inaugurou a autovía entre Carballo e Baio a conselleira “comprometeuse a continuar a obra ata Berdoias antes de terminar a lexislatura, unha promesa que levou o vento e xa estamos nunha segunda lexislatura”.

Subliña que ao longo deste tempo estívose anunciando a continuación como vía de alta capacidade (VAC) para o que se foron consignando “partidas orzamentarias simbólicas e que nunca se materializaron en obra algunha”. Xustifícase o cambio de formato (de autovía a VAC) en función do “número de futuros usuarios, e sorprende que cando se aprobou o Plan Galicia existían motivos máis que suficientes para construír a autovía”.

Considera ademais que construír agora un tramo de só 5,5 quilómetros, “non soluciona nada e, pola contra, xera un novo problema para o tráfico de vehículos polo centro urbano vimiancés, polo que se debe executar o tramo completo entre Baio e Berdoias, no que se inclúe a circunvalación de Vimianzo”. Agarda que non haxa que esperar “cen anos para vela rematada como sucedeu con outras infraestruturas como o porto de Fisterra ou a mellora da AC-552”. M. LAVANDEIRA

31 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.