Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Demandan a readmisión dun traballador de Xeal

Cee. Traballadores e traballadoras de Xeal concentráronse este mércores nos xulgados da Coruña en solidariedade co compañeiro despedido de maneira “totalmente inxusta e inxustificada”, afirman. A protesta convocouse coincidindo coa celebración do xuízo polo despedimento e reclamaron “a readmisión do traballador, o cese da política de represión laboral e un plan de recuperación das capacidades produtivas das fábricas de Cee e Dumbría”.

O presidente do comité, Alfonso Mouzo, subliñou a “falta de motivación deste despedimento”, que enmarca “na persecución e a política de medo que a dirección ten iniciado contra o seu persoal”. Neste senso, explicou que na propia carta de despedimento Xeal “recoñece que o afectado é o mellor traballador do seu departamento e aínda así bótano, que sentido ten isto?”, inquiriu. Advertiu ademais da perda continuada de emprego no complexo industrial e enerxético da Costa da Morte dende a chegada da nova propiedade, “con máis de 30 empregos fixos destruídos, outros tantos postos eventuais e moitos máis na industria auxiliar. A isto engádense agora os intentos da dirección de recortar as condicións laborais e salariais do persoal pola vía de dilatar indefinidamente a negociación ate provocar a caída do convenio propio para así pasar a aplicar o convenio do sector, de condicións inferiores”, afirma.

Estas manobras, engadiu Mouzo, enmárcanse “no deterioro progresivo das fábricas e no drástico recorte da actividade produtiva, até o punto de que Xeal se negou a pór en marcha dous fornos, tal e como lle requiriu FerroGlobe (provedor e cliente único), por disputas entre as dúas empresas". E mentres medra a demanda de ferroaliaxes no mercado internacional "vemos como as nosas fábricas cada día están máis deterioradas pola falta de investimentos e mantemento adecuado, e como seguimos perdendo postos de traballo e capacidade produtiva”, alertou. Atribúe esta situación industrial “á fraude que supuxo a venda orquestrada entre FerroGlobe e o fondo de investimentos TPG, cun interese unicamente no negocio da produción eléctrica”.

Por iso, unha vez máis, reclamou a intervención inmediata da Xunta para obrigar á empresa a cumprir coas cláusulas esenciais das concesións, “pois manter a vinculación das actividades enerxéticas e de ferroaliaxes é a mellor garantía de continuidade dos empregos e da produción nos fornos”. A este respecto, demandou ao goberno galego que declare a nulidade da operación de venda por non terse cumprido o trámite da autorización administrativa previa e, ademais, que a Xunta proceda a rescatar a concesión dos saltos de auga ante os manifestos incumprimentos da empresa.

20 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.