Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Demandan dende o BNG mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio Eugenio López de Cee

O BNG de Cee denuncia que o colexio público Eugenio López “non dispuxo nunca, nin dispón agora, dunha parada dentro do recinto, polo que os nenos e nenas teñen que baixar xusto enfronte ao centro escolar, nunhas beirarrúas sumamente estreitas e que se colapsan a diario coa chegada tamén do alumnado da vila que non precisa transporte”.

O seu portavoz, Serxio Domínguez, pide ao goberno local que actúe ampliando as beirarrúas, “xa que a pesar de que o espazo non dá para un ensanchamento acorde ao que se debería, existe unha zona libre de tráfico ao outro lado da estrada e que divide os dous carrís, que podería desaparecer ou quedar reducida ao mínimo, co que se gañaría espazo para viandantes”, afirma.

Lembra que a pasada semana foi atropelada unha nena. “Afortunadamente non foi grave, pero esiximos ao goberno que tome as medidas necesarias para que episodios deses non se repitan”. Estas poden ser, engade, “a mais das obras de ampliación das beirarrúas no menor tempo posíbel, dárlle a amplitude que a zona permita para que a baixada e subida dos autobuses sexa coa seguridade necesaria para o alumnado, a presenza a diario da Policía Local, ou incluso pechar ao tráfico rodado o lugar na hora de entrada e saída.”

Outras medidas a pór en marcha, segundo Serxio Domínguez, son os camiños Escolares ou Pedibús, unha iniciativa para avanzar nunha alternativa de mobilidade para o alumnado dos colexios, creando rutas peonís de acceso aos centros de ensino nas que os cativos e cativas teñan contacto directo coas nenas e os nenos da súa contorna cotiá, da súa rúa e a as súas xentes, ao tempo que se favorece a súa autonomía persoal. O obxectivo é transformar Cee nunha vila moito máis segura e cun hábitat urbano moito máis amábel”, conclúe.

01 nov 2021 / 19:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.