Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Denuncia o BNG que os orzamentos da Xunta “esquecen por completo” a Costa da Morte

Carballo. “Os orzamentos da Xunta esquécense da Costa da Morte e de Bergantiños unha vez máis, malia que a partir deste sábado, coa entrada en vigor do peche perimetral de Muxía, Cee e Dumbría, esta gran comarca convértese nunha das máis castigadas polo COVID”. Así se expresou en rolda de prensa telemática o deputado do BNG, Daniel Pérez, que estivo acompañado polo responsable da Costa da Morte, Serxio Domínguez e polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Aseguran que “o gran e prácticamente único investimento previsto para 2021 é o corredor Baio-Berdoias, que leva esperando dende o 2007”. E a maiores, engaden, só figuran “pequenos investimentos en portos dentro dun paquete xeral, pero con cantidades irrisorias”.

Pola contra, os nacionalistas acusan á Xunta de esquecer necesidades como “o porto mixto de Corcubión, a seguridade das comportas no de Malpica, a saída sur ou a ampliación do dique desta vila”. Consideran tamén “inxustificable” o trato co Concello de Carballo, para o que só se contemplan 250.000 euros para redactar o proxecto da circunvalación prometida. “Todo o mundo sabe a importancia que ten a circunvalación, tanto social, por eliminar o tráfico pesado de zonas moi sensibles, como polo pulo económico que lle pode dar a Carballo”, afirmou Daniel Pérez.

En resumo, “sentímonos defraudados, porque coa crise económica que se aveciña era o momento de apostar polos investimentos en Carballo e na Costa da Morte”, concluíu o deputado do BNG.

Pola súa banda, Serxio Domínguez, sinalou que “os Orzamentos da Xunta non son unha boa noticia para a Costa da Morte, porque son inexistentes e ignoran a dura realidade socioeconómica dunha zona que perde poboación cada pouco tempo; as cifras son escalofriantes, e se non paramos esta sangría a desaparición virtual da Costa da Morte vai tardar moi poucas décadas”. Salientou ademais que “seguimos sen ter novas do centro de saúde de Fisterra, tan necesario, ou das melloras que debería ter o hospital comarcal”, por non falar da problemática de Ferroatlántica.

O alcalde de Carballo pechou a rolda de intervencións sinalando que “é curioso que estamos demandando infraestruturas, que son as que provocan transformación social e unhas sinerxias con outros sectores económicos. O PP critica ao BNG porque facemos obras, ao mellor o que queren é xustificar os orzamentos da Xunta porque non fan obras, pero tampouco aparecen outras medidas que dende o punto de vista social está demandando a sociedade”.

"Non hai xustificación para o trato que recibe a Costa da Morte", engandiu o rexedor, “e no caso de Carballo dunha maneira moi evidente. Que cunha circunvalación que xa figuraba nos orzamentos do 2009, con todos os informes e o proxecto rematado, volvamos ao punto cero porque durante todos estes gobernos do PP non se avanzou absolutamente nada, é inxustificable”.

Lembra que non é unha demanda política só, senón tamén social e empresarial, “porque o que acontece en Carballo co tráfico non pasa en ningún concello de toda Galicia da nosa dimensión. E a Xunta non dá resposta ningunha”. Como tampouco se lle dá resposta a outra demanda do empresariado, "a imprescindible ampliación do polígono industrial de Bértoa, solicitada reiteradamente”.

Nestes momentos, segundo Ferrero, o polígono ten unha ocupación do 84%. O 16% restante é de parcelas illadas. "Xa houbo unha empresa que non puido materializar o seu proxecto por falta de solo, porque por riba de 12.000 metros non llo podemos ofrecer. E iso é o que non se pode permitir”, insistiu.

28 nov 2020 / 16:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.