Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 29 enero 2022
01:22
h
Enerxía. Tres colectivos ecoloxistas consideran “fraudulenta” a fragmentación de Alto da Croa, Alto da Croa II e Monte Tourado // Aseguran que a promotora o fai para evitar a avaliación global do impacto ambiental e abaratar custos TEXTO J. Ramos

Denuncian a división de parques eólicos en Vimianzo e Dumbría

As asociacións ecoloxistas Petón do Lobo, Cova Crea e O Ouriol do Anllóns veñen de denunciar o que consideran unha “fragmentación eólica fraudulenta” dos parques eólicos Alto da Croa, Alto da Croa II e Monte Tourado, proxectados en Vimianzo e Dumbría. Din que a división obedece á intención de "evitar a avaliación global dos impactos ambientais e abaratar custos ao compartir infraestruturas comúns”.

Aseguran que, na realidade, as tres instalacións que promove o grupo Greenalia Wind Power son “un único parque eólico". Sinalan que así se deduce tamén dos informes presentados. Así, sinalan que a declaración de impacto ambiental do proxecto Alto da Croa II “admite que a evacuación da enerxía producida no parque efectuarase a través do seu centro de seccionamento que tamén será o punto de conexión para evacuar a enerxía xerada polos outros dous parques”.

Asemade, engaden, dos 4.416 metros de gabias que abrirán para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que conectarán os aeroxeradores coa oficina de control, “382 metros serán compartidos co parque eólico Monte Tourado e 1.094 m. do cableado discorrerán por gabias autorizadas no proxecto de Alto da Croa”. A maiores, sinalan, “hai que engadir os 662 metros de gabia para a liña de interconexión entre o centro de seccionamento e a Subestación Colectora Regoelle”.

Por outra banda, os colectivos ecoloxistas sinalan que o Instituto de Estudos do Territorio recolleu nun dos seus informes que un dos aeroxeradores do parque eólico Alto da Croa II se situaría nunha localización na que non existen este tipo de instalacións, alertando de que xeraría un importante impacto visual. A este respecto, a empresa promotora respostou na declaración de impacto ambiental que se trataba dun erro do referido organismo, sinalando que “existe un parque eólico autorizado, o de Alto da Croa, con autorización administrativa mediante resolución do 22 de agosto de 2013 e con aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia municipal mediante acordo do Consello da Xunta do 27 de setembro de 2014, pertencente a unha sociedade vinculada tamén a Greenalia”. Subliñan que esta instalación se atopa nas proximidades do referido aeroxerador “engadindo ademais que o acceso a dita máquina faise aproveitando as infraestruturas do parque Alto da Croa”.

A maiores, segundo os citados colectivos, a promotora dos parques xustificou a “inviabilidade de recolocar o aeroxerador na contorna das outras máquinas, primeiramente porque se incumpriría coas distancias de solapamento entre parques eólicos legalmente establecidas e, segundo, porque podería causar interferencia no radar que Salvamento Marítimo ten nesa zona”.

Ante esta situación, a Asociación Ambiental Petón do Lobo, Cova Crea e O Ouriol de Anllóns teñen previsto solicitar os expedientes completos para coñecer polo miúdo os detalles dos referidos parques. A secretaria de Petón do Lobo, Ana Varela, lembra que xa denunciaron esta mesma práctica de fragmentación cos parques Campelo, Bustelo e Toural, proxectados en Carballo, Coristanco e parte de Santa Comba.

A protagonista
“Afogan as protestas sociais”
Image
Ana Varela
Secretaria da Asociación Petón do Lobo

A secretaria da Asociación Petón do Lobo, Ana Varela, asegura que o proxecto sectorial que fora aprobado no ano 2013 foi modificado en 2019, “e isa modificación non saíu a exposición pública, pero o proxecto xa foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) como aprobado de forma definitiva”.

Dende o seu colectivo e os outros dous que apoian as súas reivindicacións, entenden que estas prácticas de fragmentación poderían ser “unha posible corrupción”, sinala Ana Varela. Asegura que ista forma de actuar impide que se faga unha declaración de impacto global de toda a zona que abranguen os tres parques.

Sinala que “hai tanta avalancha de parques eólicos que é imposible facer un control de todos, pois a xente non dá feito. O que están a facer deste xeito é afogar as protestas sociais”.

Por outra banda, a secretaria de Petón do Lobo asegura que a fragmentación vai en contra do establecido na Orde de 2010, na que se establece que “entre parques eólicos ten que haber, alomenos, unha distancia de 1.250 metros para evitar o efecto estela; isto é, que no horizonte se vexa unha liña continua de aeroxeradores eólicos”.

No plano positivo, Ana Varela destaca que, “alomenos nestes parques sí se elaborou un estudo de impacto sobre o lobo, a diferenza do de Bustelo no que non fixeron ningún tipo de avaliación ao respecto”.

{ Pasaba por aquí }
Sostibilidade e garantías
Manuel Lavandeira

FOMENTAR AS ENERXÍAS limpas e sostibles é, sen dúbida, un paso adiante para coidar o medio ambiente e tentar frear o temido cambio climático, pero iso implica tamén que as instalacións deben cumprir as normativas vixentes e garantir a protección do propio espazo natural. Conquerir ese difícil equilibrio entre economía e desenvolvemento sostible é un labor de todos: administracións, empresas e cidadáns. Todos deben estar vixiantes para evitar que os intereses particulares se poidan impoñer ao interese xeral. Ese é tamén un dos obxectivos dos colectivos ecoloxistas que, co seu traballo, exercen de contrapeso para que todos os proxectos cumpran coa legalidade e, sobre todo, respecten o medio, que é o solar no que vivimos todos.

24 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.