Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Deporte, teatro e gastronomía no Vimiverán para facilitar a conciliación

Vimianzo. O Vimiverán 2022 terá o deporte, o teatro e a gastronomía como piares básicos. As preinscricións poderán efectuarse de xeito telemático ou na Casa da Cultura desde o 1 ao 17 de xuño. Terá preferencia a rapazada empadroada en Vimianzo e as prazas sortearanse o 21 de xuño. A formalización da matrícula e o pago das taxas será entre o 22 e o 25 de xuño, sendo o prezo por quenda ou actividade de 50 euros, con desconto de 5 € para as familias numerosas.

Con este programa perséguese favorecer a conciliación familiar no ámbito municipal, de tal maneira que ao mesmo tempo que se xeran actividades para o desenvolvemento educativo, psicomotor, cognitivo, afectivo e social dos nenos e nenas, promóvese tamén a conciliación da vida laboral e social das súas familias, dun xeito transversal e con perspectiva de xénero.

O Vimiverán levarase a cabo de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e ofrecerase a posibilidade de incorporarse ás 8:00 horas da mañá, naqueles casos en que sexa necesario para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A primeira quenda, será do 27 de xuño ao 15 de xullo, con dúas opcións. En Vimiteatro, para o que hai dispoñibles 65 prazas, desenvolveranse dinámicas teatrais para achegar a rapazada ao mundo do teatro e a temática será arredor do Asalto ao Castelo, ca finalidade de que coñezan a súa historia e a festa. Estará destinado para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019, en horario de 10.00 a 14.00 horas e coa posibilidade de servizo de madrugadores, de 8.00 a 10.00 horas. Terá lugar nas instalacións municipais de Vimianzo. En Vimideporte hai dispoñibles outras 65 prazas, e desenvolveranse, nos mesmos horarios, dinámicas lúdico-deportivas ambientadas no Asalto ao Castelo.

A segunda quenda será do 18 de xullo ao 5 de agosto, tamén con dúas posibilidades. En Vimichef, pensado para 20 nenas e nenos, desenvolveranse accións para os coñecementos de técnicas culinarias básicas, ademais de incluir a participación no concurso Vimichef. Está pensado para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2016, en horario de 10.00 a 14.00 horas e coa posibilidade de servizo de madrugadores. Desenvolverase na aula de cociña da Escola de Reboredo, en Salto. Para Vimideporte, pensado para 90 rapazas e rapaces, desenvolveranse dinámicas lúdico-deportivas enfocadas ao achegamento da rapazada ao coñecemento, coidado e respecto do medio ambiente, reciclaxe e prácticas deportivas respectuosas co medio ambiente. Está pensado para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019 e terá lugar nas instalacións municipais de Vimianzo.

A terceira quenda, do 9 ao 26 de agosto, terá as posibilidades de Vimichef e Vimideporte. Para a primeira resérvanse 20 prazas para nenas e nenos nacidos entre 2010 e 2016, en horario de 10.00 a 14.00 horas e coa posibilidade de servizo de madrugadores. Desenvolverase na aula de cociña de Reboredo. Na segunda, con 70 prazas e para nenas e nenos nacidos entre 2010 e 2019, vanse realizar, por primeira vez, algunha das actividades en inglés, polo menos unha hora diaria, co obxectivo de que a rapazada aprenda inglés de maneira lúdica a través de xogos e obradoiros.

Por último, a cuarta quenda será do 29 de agosto ao 2 de setembro. A través dun taboleiro de xogos cos recursos de Vimianzo, a rapazada coñecerá o municipio como unha ferramenta educadora, non neutra á que se aproximarán desde o xogo. Reservaranse 100 prazas para nenas e nenos nacidos entre 2010 e 2019 en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Vimiverán nas parroquias

Para as parroquias, está previsto que se desenvolvan tamén programas propios do Vimiverán, en tres quendas. A primeira, do 27 de xuño ao 15 de xullo. A segunda, do 18 de xullo ao 5 de agosto e a terceira quenda, do 9 ao 26 de agosto. Están pensadas para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019, en horario de 10.00a 14.00 horas. O número mínimo para cubrir as prazas é 15.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que esta programación ten como obxectivo a conciliación, para que todas as familias vimiancesas poidan organizarse da mellor maneira”, enfatizando a “novidade tan importante este ano: o servizo de madrugadores, que entendemos da necesidade das familias e considerámolo prioritario”.

Rodríguez lembrou que “detrás desta presentación hai moito traballo por parte dos departamentos de Deportes, Cultura e Benestar Social, nun Vimiverán moi especial xa que nesta primeira quenda estará adicada aos nosos irmandiños”, facendo un guiño ás actividades centradas no Asalto ao Castelo, que este ano cumpre 25 edicións.

Acompañaron á alcaldesa, Rosa Blanco, concelleira de Cultura; María José Pose, concelleira de Benestar Social; Nieves Lema, técnico de Cultura e Víctor Santos, técnico de Deportes.

28 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.