Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
INNOVACIÓN. Recibirán axudas da Xunta por un valor de máis de 130.000 euros // Pertencen a Carballo, Malpica, A Laracha, Vimianzo e Zas // O Centro Comercial Aberto da capital de Bergantiños recibiu unha achega de 33.000 € TEXTO J. M. Ramos

Dezaseis comercios da Costa da Morte súmanse á dixitalización

Un total de dezaseis comercios e artesáns das áreas de Bergantiños e Costa da Morte repartiranse algo máis de 130.000 euros en concepto de axudas por parte da Xunta coa fin de que avancen na innovación e a dixitalización dos seus negocios.

Así o confirmou este luns o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, durante unha visita a Carballo. Acudiu ao establecemento Deportes San Remo, un dos dezaseis beneficiarios, o cal está rexentado por Ricardo Pallas, presidente da asociación do Centro Comercial Aberto (CCA) da capital de Bergantiños. No seu caso a achega autonómica foi de 12.000 euros.

No municipio carballés outros nove profesionais acolléronse a este programa de incentivos, namentras que en Malpica de Bergantiños son tres os comercios e artesáns beneficiarios. A eles hai que sumar outros tres pertencentes aos concellos da Laracha, Vimianzo e Zas.

As axudas teñen como obxectivo facilitar aos negocios a mellora dos seus servizos a través da rede e tamén da súa imaxe dixital e a promoción dos seus produtos valéndose da redes sociais e outras ferramentas de xestión.

Trenor sinalou que tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Asemade, con esta liña de axudas apóianse iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven comerciantes e artesáns para proxectos de modernización integral dos locais, adquisición de equipamentos, así como proxectos de expansión comercial e proxectos pop up.

Durante a súa visita á capital carballesa, o delegado da Xunta lembrou que a Xunta de Galicia apoiou tamén o ano pasado ao Centro Comercial Aberto de Carballo cunha achega de 33.000 euros. Estas axudas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.

Outras das actuacións apoiadas son a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital.

INICIATIVAS PARA A VENDA. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Como novidade, tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros puideron optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados.

Tamén se contemplan axudas para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

O protagonista
“Impúlsase a adaptación
ao contexto actual”
Gonzalo Trenor
Delegado da Xunta na provincia da Coruña

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, que estivo acompañado polo deputado do PP, Rubén Lorenzo, destacou que a través deste programa “impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión”.

Hai que lembrar tamén que a Xunta de Galicia impulsou catro plans de internacionalización dixital de pemes e microempresas da contorna de Bergantiños e Costa da Morte.

Os beneficiarios neste caso son dúas empresas ubicadas en Carballo, unha en Coristanco e outra en Cerceda, as cales recibirán axudas por máis de 150.000 euros en total. O obxectivo é axudarlles a impulsar as súas vendas no exterior, especialmente as de menos de dez traballadores e os comercios, a través de ferramentas dixitais innovadoras. Este plan complementa as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación e dinamización económica, como as liñas de apoio á modernización e innovación no comercio.

{ PASABA POR AQUÍ }
Avanzar
cos tempos
Manuel Lavandeira

As novas tecnoloxías xa hai tempo que deixaron de ser novidade e hoxe son unha ferramenta imprescindible na nosa vida cotiá, tanto a nivel de usuario particular, como, por suposto, no eido comercial e empresarial. É obrigado pois avanzar cos tempos, e con ese fin a Xunta de Galicia habilita estas liñas de axudas para tentar de que ninguén se quede atrás. Hoxe en día, calquera negocio ou comercio non pode sobrevivir ou, alomenos terao moi complicado, sen un bo aproveitamento das ferramentas dixitais. A tecnoloxía xa a temos –a falta da mellora das conexións a internet en moitos núcleos e especialmente no rural–, pero aínda falta formación e concienciación, sobre todo entre as pemes e pequenos comerciantes.

01 mar 2021 / 16:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.