Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dezaséis mozos de Camariñas, Muxía e Vimianzo participan nun programa de emprego

Desenvolverase na vila vimiancesa e céntrase nas tecnoloxías web e en traballos de carpintería

Vimianzo. Onte botou a andar o programa Xuventude polo Emprego, no que participan 16 mozos e mozas incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que se formarán nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e instalación de elementos de carpintería.

Trátase dunha iniciativa promovida conxuntamente polos concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo, cofinanciada cunha subvención de 369.492,32 euros outorgada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Fondo Social Europeo. A sede estará en Vimianzo, e todos os alumnos terán un contrato de traballo durante a súa formación, que se desenvolverá ata o 15 de setembro de 2021.

Ademais de formarse, os xoves desenvolverán aplicacións web para asociacións e crearán ferramentas para a bolsa de emprego, para a xestión do arquivo audiovisual e da axenda de eventos do territorio. Tamén elaborarán aplicacións para as áreas de turismo.

No caso dos alumnos de carpintería montarán casetas multifuncionais en Vimianzo e Camariñas, actuarán na fachada da biblioteca camariñana, e manterán o mobiliario e elementos de madeira nos tres concellos.

O acto inaugural estivo presidido pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quen agradeceu o traballo das tres axentes de desenvolvemento local e afirmou que “é un orgullo que tanto vimianceses, muxiáns e camariñáns poidan participar nesta experiencia, que ogallá sexa unha clave fundamental na vosa vida laboral”. O seu homólogo de Muxía, Iago Toba, subliñou que “cando a xente traballa en equipo os resultados son sempre positivos”.

Pola súa banda, a rexedora de Camariñas, Sandra Ínsua, resaltou tamén a unión entre os tres concellos e afirmou que “continuaremos apostando por impulsar este tipo de iniciativas, tan necesarias neste contexto e fundamentais para a xente nova, que será o sustento da nosa sociedade o día de mañá”.

15 sep 2020 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.