Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Discrepancias sindicais en Xeal debido á sinatura dun novo convenio colectivo

CIG rexeitao por non contarse co comité e CGT, UGT e USO ven importantes avances

Cee. “Non é unha inocentada, aínda que o pareza”. Con estas palabras resume a representación da CIG en Xeal o convenio colectivo que a dirección asinou coas seccións sindicais de CGT, UGT e USO.

Critican que é “un texto que non contou coa participación do comité nin foi sometido á votación da asemblea de traballadores”. Para os delegados e delegadas da CIG, aínda que poida ter validez legal, este convenio é “inmoral e carece de calquera lexitimidade porque non representa a vontade do persoal das fábricas nin das centrais hidroeléctricas”.

Por iso, a CIG non asinou un convenio que, engaden, suporá “unha involución nos dereitos laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal, cando a empresa está enchendo os petos a conta de explotar os recursos naturais que son de todos e todas”.

Considera que este convenio “é un traxe feito á medida de Xeal, pensado incluso para que non volva facer contratacións”. Tamén se perde, engaden “a figura do médico de empresa, o lote de Nadal e establécese unha xornada de mantemento de día que resulta completamente discriminatoria”. Asumir este convenio, subliñan, “dálle azos á empresa para afondar na política de desmantelamento das fábricas e no recorte de dereitos. A CIG non pode ser aval deste proceso e adoptará, de acordo co órgano de representación unitario do persoal, as medidas que sexan oportunas”, conclúen.

Pola contra, os representantes das seccións sindicais UGT, CGT e USO consideran que co novo convenio recuperanse “conceptos importantes”. Así, subliñan que se contemplan melloras económicas “substanciais, como a creación dunha paga consolidada para o mes de febreiro, que sumará, xunto a recuperada de setembro, 16 pagas anuais e unha máis pola firma do convenio”.

Ademais, engaden, reducirase 4 días a xornada laboral do persoal de produción ao habilitarse un turno antiestrés. Terán asemade unha compensación económica, xornada continuada para persoal de mantemento, pluses de asistencia e incrementos salariais ata 2024.

30 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.