Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Divulgación do patrimonio na Eira do Carmelo de Berdoias co Colectivo A Rula

Vimianzo. A Eira do Carmelo, na parroquia de Berdoias (Vimianzo), foi escenario dunha dobre presentación de libros: Na espiral dos círculos concéntricos e Ramón Sobrino Lorenzo-Ruz. Memoria e legado dos petróglifos. Dúas obras publicadas polo Colectivo A Rula, nas que a aldea de Berdoias é protagonista.

O primeiro dos libros é unha escolma do traballo desenvolvido por A Rula entre 2013 e 2018, e nel adícanlle un capítulo ao conxunto dos petróglifos de Berdoias e Boallo, ademais doutros da Costa da Morte. O segundo está adicado a Ramón Sobrino Lorenzo, “el hombre que más sabía en el mundo de los petroglifos”, segundo Carlos Alonso del Real, e que tamén puxo o seu foco na Costa da Morte.

A publicación é un catálogo do seu arquivo inédito, “no cal se inclúen fotografías das antas máis importantes de Vimianzo e Zas” e outros xacementos do Monte Pindo, segundo Pablo Sanmartín, secretario do Colectivo A Rula. Elexiron Berdoias como un dos marcos de presentación destas obras porque “é un exemplo a seguir por como están a traballar na promoción e valorización do seu patrimonio. Hai poucas aldeas que conserven tan ben o valor patrimonial e histórico, e os seus veciños e veciñas están moi concienciados e síntense orgullosos dese patrimonio”, afirma.

O acto pechouno Carmen de Limideiro interpretando unhas pezas tradicionais ao son da súa pandeireta. Ademais da veciñanza, sumáronse á cita Ángel Núñez, en representación da familia de Ramón Sobrino; Luis Leclere, presidente de A Rula; membros do Seminario de Estudos da Costa da Morte, e representantes do Concello de Vimianzo. j. m. ramos

10 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.