Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Do amor e o delirio’, primeiro poemario da vimiancesa Natalia Lema Otero

Natalia Lema presentou na Casa da Cultura de Vimianzo o seu primeiro poemario, Do amor e o delirio, unha obra composta por vinte poemas “de amor nas súas diferentes vertentes, desde o amor platónico a ese amor correspondido, pois coido que debemos darlle a importancia que de verdade ten”, afirma. Asegura que “é importante falar de amor, e máis nestes tempos nos que a distancia é tan latente coas máscaras e outras medidas que nos obrigan a manternos distantes”.

Uns poemas que foron nacendo a partir da pandemia e do primeiro confinamento, aos cales sumou “algúns que recuperei do caixón e que fun xuntando hasta darlle un fío condutor que os une”, engade. No poemario hai tamén “moitas referencias literarias a algúns dos meus poetas preferidos, como García Márquez ou Antonio Gala”.

Ademais de creatividade poética, Natalia tamén aportou as ilustracións interiores, namentres que Manu Sandomingo ilustrou a portada e o xornalista muxián Xusto López Carril firmou o prólogo, subliñando que “hai unha formidable delicadeza que navega por toda a obra, onde se describen agonías, mais tamén momentos de calma como a sucesión das estacións, a mirada serena e a saudade dos tempos que foron na casa dos avós, a elipse sobre a inmigración.”

Para Natalia escribir “é case unha terapia despois do quefacer diario”. Unha paixón que cultiva dende hai tempo e, a pesares da súa xuventude, xa ten publicados outros dous libros: Baos, unha recompilación de relatos sobre unha aldea anegada por un encoro, e Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte, unha obra divulgativa centrada nos problemas laborais no sector primario. Non obstante, asegura que a poesía é o seu xénero preferido. Comezou presentándose a certames poéticos e os éxitos colleitados animárona a seguir creando. Faino sobre todo por pracer pois di que o importante “é crear, o de publicar é secundario”. Ademais, asegura ter claro que “sempre serei mellor lectora que escritora”.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, acompañou á autora vimiancesa no acto de presentación e felicitouna “por transmitir con tanta autenticidade e dun xeito maxistral a través dos versos algo tan complexo como os sentimentos. Nótase que o teu sentimento por Vimianzo é moi forte, e estamos moi orgullosos e orgullosas de contar contigo entre as figuras máis destacadas do noso municipio”, engadiu. Asistiron tamén a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e o edil de Medio Rural, Víctor Muíño. M. L.

18 dic 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.