Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Do Anllóns ao Bidasoa, a singular e longa viaxe dun salmón errático galego

Trátase dunha das crías coas que se repobou o río bergantiñán no 2016 // O experto Miguel Piñeiro di que “é un feito curioso”

Galicia é terra de emigrantes, pero poucos se podían imaxinar que unha cría de salmón que fora soltada no río Anllóns (Bergantiños) no ano 2016 acabase a súa singladura no Bidasoa, a máis de 700 quilómetros da súa orixe.

Unha longa e curiosa viaxe que foi certificada polo Goberno de Navarra, que rexistrou este ano no río Bidasoa 37 salmóns micromarcados con CWT, dos cales catro eran erráticos, tres procedentes de Cantabria e o outro de Galicia. Trátase dun macho con dous invernos de río (catro anos), que foi liberado no Anllóns sendo alevín no marco dun plan de repoboación desta especie da Xunta.

O xornalista e escritor especializado en pesca, Miguel Piñeiro, asegura que “é un feito curioso, moi pouco frecuente, pois o normal é que aparezan salmóns erráticos en ríos próximos, pero non a tanta distancia”. Así, asegura que é frecuente a entrada de salmóns do Ulla ao Tambre.

Este viaxeiro salmón galego forma parte xa das estatísticas de exemplares erráticos da súa especie que, segundo Piñeiro, tan só representan o un por cento do total, “pois prácticamente o 99 % acaban volvendo ao río no que naceron”. É por isto que tanto el como a maioría dos colectivos de pescadores teñen dúdúbidas da efectividade dos plans de repoboación que se levaron a cabo nos ríos da Coruña, onde o salmón leva anos desaparecido.

A este respecto, Miguel Piñeiro sinala que “antes de levar a cabo unha repoboación deste tipo habería que estudar ben as causas que levaron á desaparición da especie, pois si estas se manteñen o plan non vai ter éxito”.

Ese é, engade, o caso do salmón no río Anllóns, onde, a pesares da soltas de crías durante varios anos, non se conqueriu que a especie se consolidase nesta canle fluvial. Asegura que unha das últimas referencias documentais que situaba a este río como salmoneiro fíxoa o marqués de Marzales a mediados do século pasado, “e a partir de entón foi desaparecendo”.

As causas, como noutros ríos galegos, son diversas, pero Miguel Piñeiro sinala a contaminación das augas e tamén as grandes presas, que impiden aos salmóns remontar o río para chegar aos lugares de desove ou freza. Iso é o que sucede tamén con esta especie noutros ríos galegos, como é o caso do Tambre “onde a tan só sete quilómetros da súa desembocadura no mar o salmón atópase cunha presa infranqueable”, afirma.

Uns obstáculos que serían salvables se tivesen escalas que lles permitisen remontar, “pero na maioría dos casos non as hai”, sinala.

Noutros casos, como o do Miño, se pervive esta especie é porque antes de toparse con estas barreiras teñen moitos quilómetros de río e unha importante rede de afluentes que sí lles ofrecen as condicións que precisan para poder reproducirse.

No caso do Anllóns hai que lembrar que, anos atrás, foi tamén un referente importante da pesquería da anguía, hoxe tamén desaparecida. Actualmente, os concellos polos que discorre esta importante canle fluvial que vertebra a comarca de Bergantiños están a traballar nun plan de posta en valor da mesma. Unha iniciativa que, se non se plantexa só desde o punto de vista de adecuación de espazos pensados para o turismo, debería incluir tamén medidas que axuden a recuperar a biodiversidade perdida.

21 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.