Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dous anos agardando pola resposta ao informe do Camiño dos Faros

A asociación que quere homologar a ruta pide que a Xunta valore o documento ambiental

A Asociación O Camiño dos Faros remitiu un escrito á directora xeral de Patrimonio Natural para demandar unha resposta ao documento ambiental que o colectivo presentou o 22 de maio de 2019 para a homologación como Ruta de Gran Recorrido GR do itinerario costeiro que une Malpica e Fisterra. Aseguran que, dous anos despois, seguen sen contestación.

Lembran que as xestións comezaron en xuño de 2015 cando se reuniron cos técnicos de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente. Un mes despois recibiron un escrito indicando que para a homologación era necesaria unha Avaliación de Impacto Ambiental Simplificada. En marzo de 2016 contactaron coa empresa Acivro Medioambiental para comezar os traballos de elaboración do documento, e en xaneiro de 2017 reuníronse coa entón conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e a directora de Conservación da Natureza, Ana Díaz, para informarlles do desenvolvemento do proxecto.

O documento, de 333 páxinas, foi presentado en maio de 2019 e en febreiro de 2020 mantiveron unha xuntanza co subdirector de Espazos Naturais, Juan Gómez, e “cinco anos despois de decirnos que para homologar a ruta era imprescindible a avalación ambiental, se nos indica que xa non é necesario e que o informe sería reenviado a Patrimonio Natural para que avaliase a idoneidade ou non do track presentado”.

Á vista de que non recibiron resposta algunha, o día 20 de maio chamaron aos técnicos de Patrimonio Natural, “e dixéronnos que nos chamarían de volta ese mesmo día, xa que tiñan que localizar o expediente, pero esa chamada tampouco foi recibida”.

Por iso, dende a Asociación O Camiño dos Faros solicitan que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lles dea “resposta a ese documento ambiental ou, se non existe, cales son os motivos desta falta de resposta”, afirman. No Parlamento galego tamén se presentaron varias iniciativas para lograr a homologación da ruta.

27 may 2021 / 19:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.