Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
DIÁSPORA. Dende xullo están sen sede social ao ter que deixar o local do que viñan desfrutando dende hai 40 anos // Esperan poder volver a ter un punto de encontro no mes de decembro // Xestionarán axudas para poder financialo TEXTO José M. Ramos

Emigrantes en Liechtenstein acondicionan un novo centro

O Centro Español Apóstol Santiago do Principado de Liechtenstein, que preside o muxián Manuel Figueroa, traballa xa no acondicionamento e equipación dunha nova sede social, logo de que o pasado día 30 de xuño tiveran que deixar o que fora o seu punto de encontro durante corenta anos.

Despois de moitos trámites e dos atrancos derivados da pandemia do covid-19, os propios emigrantes, na súa maioría da Costa da Morte, adican agora parte das súas horas libres a desenvolver as obras necesarias “xa que o novo local que collemos estaba baleiro, e hai que equipalo por completo”, afirma o presidente. Cada un fai o que sabe, engade, “os que traballan na construción encárganse da albanelería, outros fan os traballos de carpintería e cada un aporta o que pode e o que sabe para que, entre todos, poidamos darlle forma ao novo centro”.

Un traballo solidario dos socios que, pouco a pouco, vai collendo forma e que confían en poder rematar entre novembro e decembro para que “antes de fin de ano teñamos xa aberto o novo punto de encontro”.

Trátase dun local de maior superficie que o anterior, con case 300 metros cadrados. Unha vez equipado e formalizados todos os trámites burocráticos, convocarán unha poxa para adxudicar a xestión do centro, “na cal xa hai varias persoas interesadas”, sinala Figueroa.

Será, non obstante, unha etapa nova con moitos cambios, xa que “a situación cambia moito, pois o anterior centro poidemos desfrutalo de xeito gratuíto durante corenta anos, sen pagar luz nin auga, e agora só o custe do alugueiro do novo local ascende a 2.000 francos mensuais”. É por iso que os directivos do centro barallan xa distintas fórmulas para garantir o financiamento dun centro “do que a xente ten ganas de dispor, pois é necesario ter un lugar onde compartir o lecer, falar, xogar a partida ou xuntarnos para tomar algo na cafetería. Queremos ter unha casa de Galicia e de España aquí, como a tivemos nestas últimas catro décadas”, afirma o presidente.

Manuel Figueroa quere dar “as máis expresivas gracias a todos os socios, e especialmente aos que desinteresadamente están colaborando e adicando un par de horas diarias desde que saen de traballar para poder acondicionar o centro”.

Agora demandarán tamén o apoio das administracións públicas, e confían en poder obter axudas tanto da Consellería de Asuntos Sociais como da Xunta de Galicia. “Agardamos a súa implicación para poder darlle continuidade ao proxecto e manter unida á comunidade de emigrantes en Liechtenstein”.

SEN FESTAS. Este non está sendo un ano fácil para a comunidade galega no Principado, xa que ademais de ter que abandoar o local social de toda a vida, tamén se viron obrigados a ter que cancelar as festas e encontros lúdicos que organizaba cada ano o Centro Español Apóstol Santiago.

A este respecto, Manuel Figueroa sinala que, “xa suspendemos as dúas churrascadas que organizamos cada ano, e vexo moi difícil que poidamos celebrar a gran festa anual que organizamos en novembro, porque ante a actual situación sanitaria é un risco”. Non obstante, aínda non tomaron unha decisión definitiva “pero vai estar moi complicado poder facela”, engadiu.

Trátase dunha celebración na que cada ano xuntan a unhas cincocentas persoas e na que, ademais de desfrutar da gastronomía galega e outros pratos típicos da cociña española, tamén organizan unha velada amenizada en directo por orquestras que viaxan dende Galicia ata Liechtenstein para poñerlles a música. Esperarán ao 2021.

25 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.