Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Empresa e comité de Xeal seguen sen chegar a acordo para un novo convenio

Os representantes dos traballadores din que a compañía se nega a unha “negociación real”

O comité de Xeal denuncia “a negativa da empresa a someterse ao proceso de arbitraxe solicitado pola representación do persoal no Consello Galego de Relacións Laborais, co obxectivo de desbloquear a negociación do convenio colectivo e avanzar nun acordo que respecte os dereitos laborais, salariais e sociais polos que tanto pelexaron os traballadores e as traballadoras”.

Aseguran que a empresa “négase a calquera solución que implique unha negociación real e insiste en impor un convenio que rebaixa dereitos e de perda de poder adquisitivo. Facendo gala do seu habitual desprezo e prepotencia, a dirección non quere entrar a valorar ningún dos puntos da plataforma de convenio que o comité lle presentou o pasado mes de decembro, no marco do AGA, e ameaza incluso con comezar a aplicar na súa totalidade dende o mes de xuño o convenio de siderometal da provincia da Coruña”.

Para o comité esta actuación constitúe “unha evidencia máis de que o único interese de TPG-Ithaka é recoller os millonarios beneficios xerados pola produción de enerxía, que practicamente obtén a custe cero, mentres desmantela as fábricas de Cee e Dumbría”. Non hai que esquecer, engaden, que nos últimos dous anos e medio “se produciu unha drástica baixada da produción, destruíronse 30 empregos directos e máis de 80 postos de traballo eventuais, ao que se suma a perda de empregos na industria auxiliar da comarca”.

Pola contra, Xeal “pretende seguir engordando os beneficios de produción electricidade, e xa pediu explotar novos recursos hidroeléctricos como a estación de bombeo da Ruña e incrementar o caudal ecolóxico do encoro de San Uxía para aumentar a xeración de enerxía", subliñan.

Dende o comité reiteran que non van “aceptar chantaxes” nin asumir o “convenio de recortes que quere impor Xeal”. A negociación do convenio é un proceso para mellorar as condicións laborais do persoal, “non o marco no que validar a estratexia da empresa, que primeiro dilatou o proceso de negociación para deixar decaer o convenio propio e agora busca asestar un golpe letal aos dereitos conquistados ao longo de 40 anos”, afirman.

25 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.