Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Publicación. Natural de Hospital, en Dumbría, con só 19 anos, vén de publicar un libro no que se pregunta se aprendemos algo da pandemia // Liberou sobre o papel os pensamentos e as conclusións dos seus días de confinamento TEXTO José M. Ramos

Érica Domínguez ponlle letra as súas ‘Reflexións confinadas’

O confinamento que todos vivimos na pasada primavera deu lugar a múltiples e variadas iniciativas. Érica Domínguez, unha moza de 19 anos, estudante do grado de Mestre de Educación Primaria na Universidade de Santiago e natural do lugar de Hospital (Dumbría), decidiu aproveitar ese tempo para plasmar en papel os seus pensamentos, que agora todos podemos ler no seu primeiro libro Reflexións confinadas.

Unha obra que vai moito máis aló de reflexións persoais, xa que o obxectivo e facer reflexionar tamén a todos os lectores e á sociedade en xeral. “O meu obxectivo é que cando a xente o lea se pregunte se aprendemos algo da pandemia e se esta situación servirá para mellorar o noso futuro ou nos limitaremos a cometer os mesmo erros”, afirma.

Nos días que, coma todos, pasou confinada na súa casa decatouse de que todo o foco desta crise “se puxo no aspecto sanitario, que é lóxico pois é o máis importante, pero esta situación tamén tivo outras moitas consecuencias relevantes de carácter político, económico e mesmo de saúde mental, entre outras, ás que non se lle deu esa importancia”.

Despois do vivido no verán, unha vez superada a fase de confinamento, Érica cre que a sociedade se olvidou moi pronto do sucedido e volveu a unha normalidade que non era tal , o que nos está levando de novo ao punto de partida, polo que convida a reflexionar “se é mellor perder un verán ou unha vida”.

Para ela escribir este libro foi un proceso liberador “que me fixo sentir moi ben conmigo mesma, á marxe do éxito que poida ter ou non a publicación”.

Coller o papel e escribir foi un paso fácil para Érica pero antes de dar o salto a publicar o escrito “penseino moitísimo”, asegura. Non obstante, engade, “díxen para adiante, teño 19 anos e seguro que se deixo pasar esta oportunidade ao mellor máis adiante non me atrevo”.

Aínda que é unha gran lectora dende pequena, a escribir empezou fai pouco, cando comezou a estudar a carreira. Decatouse pronto que lle gustaba e que se lle daba ben. Así llo confirmou tamén o seu profesor de Socioloxía, “ao que lles gustou moito un traballo que tiven que facer sobre os micromachismos”.

Erica asegura que “a comunicación é unha necesidade biolóxica da humanidade, por iso, dende que nacemos temos o desexo de realizar esa acción e, a media que nos desenvolvemos, limitamos moito máis a expresión. É por este motivo que escribir se converte nun deixarse levar que conseguiu que cumprise un dos meus soños”, afirma.

Ante as circunstancias da covid-19 entendiu que “escribir por pracer fai que se lle dea sentido ás palabras, aquelas que enfían frases e que constrúen historia, xa que son as inquietudes persoais as que me levaron a plasmar os pensamentos sobre o papel”, conclúe a xove dumbriesa.

Sinala ademais que para ela poder escribir e chegar a tantas persoas “significa esquecerme do medo a non volver a sentirme libre. A liberdade é un amplo valor que se atopa entre os valores sociais, humanos, relixiosos e democráticos”, sinala.

Preguntada por si este libro e só un primeiro paso, Erica di non saber si se animará a publicar máis. “Ideas teño e escribo máis que nunca, case de forma compulsiva, tratando de rexistrar todas as vivencias, ideas e sentimentos que se me xuntan en cada un dos meus días. Téñolle medo ao esquecemento, e por iso me esforzo en deixar todo por escrito”. No obstante, aclara que a maior parte desas reflexións “son aínda borradores que non decidín compartir, porque tampouco é preciso publicar todo o que se faga, e entender dita perspectiva, tamén é bo”, asegura.

VENTA. As que sí se poden ler son as reflexións recollidas neste seu primeiro libro, que foi publicado pola editorial Círculo Rojo. As persoas interesadas en facerce cun exemplar poden contactar directamente coa propia autora a través dos seus espazos en Facebook e Instagram, ou enviándolle un correo electrónico a ericadominguez4a2@gmail.com.

O prezo é de 20 euros e inclúe tamén como complemento do libro un marcapáxinas de regalo.

31 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.