Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ruta Xacobea. Dispón de dez liteiras tipo cubículos, máis amplos que os asiáticos // Están equipadas con televisión e conexión a Internet // “Queremos ofrecer un trato diferente e de calidade ao peregrino”, afirma a promotora TEXTO José M. Ramos

Et Suseia,un albergue de estilo xaponés no Camiño de Santiago a Muxía

O Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía comeza a recobrar a vida despois dos meses máis duros da pandemia e do confinamento. Os peregrinos xa se deixan ver e, para recibilos como se merecen, a oferta de aloxamentos nesta ruta cara o finisterrae segue medrando en cantidade e calidade.

Nos vindeiros días, entre o 10 e o 15 de xullo, está previsto que abra as súas portas o Albergue Es Suseia, no lugar de Pedrajás, punto de paso do Camiño de Santiago a Muxía, entre Quintáns e San Martiño de Ozón. Non é un aloxamento de peregrinos tradicional, xa que está inspirado no lonxano Xapón, e máis concretamente nos seus hoteis de cubículos.

Neste caso trátase de dez cubículos máis amplos e altamente equipados, cos que a promotora deste innovador albergue, Sandra Paz, quere darlle “un trato diferente ao peregrino, de máis categoría e calidade”. Así, este modelo de liteiras-cubículo ofrece unha maior privacidade ao camiñante, ademais de múltiples servizos, xa que todas elas dispoñen de televisión, conexión a Internet, portos USB, cascos, luz de lectura e iluminación graduable no interior, ademais de estar dotadas con estores opacos.

A maiores, o albergue dispón dunha zona de lectura dotada cunha pequena biblioteca, cociña totalmente equipada, dous baños –un deles adaptado para persoas con diversidade funcional– e unha área para bicicletas. Outro dos elementos diferenciadores deste novo aloxamento é a súa aposta polo respecto ao medio ambiente, e por iso conta con composteiro e o seu menaxe está formado íntegramente por utensilios biodegradables.

Ademais, a idea é que o albergue sexa tamén un espazo de información turística e, con tal fin, pretenden incorporar nos vindeiros meses un sistema baseado nas novas tecnoloxías que permita achegar aos camiñantes a outras rutas e propostas que ofrece a Costa da Morte, como O Camiño dos Faros, ou tamén brindar información sobre establecementos gastronómicos.

Un proxecto que vén a reforzar a aposta polo rural de Sandra Paz, unha emprendedora muxiana que rexenta tamén dúas casas de turismo rural (Casal Pedrajás, situado ao lado do novo albergue, e Casal Rivas, ubicado en Añobres) e unha granxa de porcino. De feito, foi unha das protagonistas do proxecto audiovisual O rural de todas, impulsado meses atrás pola Deputación da Coruña. Está convencida de que o medio rural ten aínda máis futuro e potencial nesta nova era post-pandemia.

De feito, sinala, “o verán pasado xa foi todo un éxito a demanda que tivemos nas casas de turismo rural, e coido que se tivesemos sete poderíamos enchelas todas”. Este ano xa teñen reservado tamén case o cen por cen para todo o verán. Sandra asegura que “a xente ten moitas ganas de saír” e os destinos rurais figuran entre os máis demandados porque ofrecen un contacto directo coa natureza e espazos pouco masificados e, polo tanto, máis seguros e saudables.

Ata o de agora, engade, a maioría dos visitantes chegaban maioritariamente de distintos puntos de Galicia e outras rexións de España, debido a que a mobilidade internacional estivo moi condicionada polas restricións sanitarias, pero xa comezan a chegar tamén turistas doutros países. “Hoxe mesmo imos recibir hóspedes que veñen de Holanda”, sinalou.

Outra das claves está, segundo Sandra Paz, na aposta “pola calidade”, algo que está moi presente nas súas vivendas de uso turístico. “Ofrecemos calidades superiores, e de feito o Casal de Rivas e á unico establecemento de toda a zona que dispón de piscina”.

Esa mesma filosofía é a que marcou o deseño do Albergue Et Sueia, que espera recibir aos primeiros peregrinos a partir de mediados de mes. As expectativas “son boas”, afirma Sandra, “pois dende hai unhas semanas xa se ven bastantes peregrinos”. Agarda que teña o mesmo éxito que as vivendas rurais, e “aínda que este ano nos servirá un pouco de proba, de cara ao vindeiro esperamos que xa esté a pleno rendemento, o que nos permitirá seguir xerando emprego”. E é que o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía estase consolidando como un dos motores económicos dos concellos polos que discorre a Ruta Xacobea e, ao mesmo tempo, exerce como elemento de fixación de poboación no medio rural, algo fundamental para frear o despoboamento nestas comarcas atlánticas.

01 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.