Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Experiencias e conferencias para pechar o ciclo Ciencia no Camiño

Afiprodel aboga por promover a cultura e a innovación científica ao longo da ruta xacobea

Fisterra. O salón de actos da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña acollerá o mércores 22 de setembro, ás 16:00 horas, o foro de peche o proxecto Ciencia no Camiño, incluído na convocatoria O Teu Xacobeo, e que promove a cultura científica e a innovación no Camiño de Santiago a través da divulgación, o debate, exposicións e obradoiros.

A primeira das charlas do foro será a titulada Divulgación científica nas escolas do Camiño, e correrá a cargo de Marta Veiga Izaguirre, do Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo (USC). Despois, Miguel Pazos Oton, director do Centro de Estudios Turísticos- CETUR (USC) falará sobre O desenvolvemento local e o Camiño. Finalmente, A peregrinación cara ao último solpor europeo: a ciencia detrás do mito será o título da charla de Jorge Mira, catedrático do Departamento de Fsica Aplicada da USC.

O panel de boas prácticas, a continuación, contará con intervencións de Martín López (Universidade de Vigo), coordinador de Rurallure, acerca deste proxecto que busca favorecer a simbiose entre o medio rural e as rutas de peregrinación; de Cristina Alonso, presidenta da Asociación do Camiño dos Faros, acerca do proxecto O Camiño dos Faros; e de Pepe Formorso, empresario e profesional da comunicación, acerca de A sostibilidade e a accesibilidade na Costa da Morte.

O proxecto Ciencia no Camiño, que botou a andar o 18 de marzo, ten como principal obxectivo a promoción da cultura científica e a innovación, tanto para o público en xeral como para a poboación escolar, a través dunha rede de educación e divulgación nos Camiños de Santiago. É unha iniciativa financiada ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta e está liderada pola Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel). Integran como socios a Fundación Uxío Novoneyra, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) e o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UdC).

A pretensión é que Ciencia no Camiño incida nas oportunidades que a tecnoloxía, a cultura e o coñecemento científicos supoñen para o desenvolvemento dos municipios e comarcas galegas, sobre todo, no que atinxe a propostas vencelladas a unha promoción do territorio sustentable, como pode ser o turismo científico. Así, unha primeira fase do proxecto consistiu nunha serie de obradoiros para alumnado de primaria e secundaria, baseados nos kits de experimentación científica desenvolvidos por XuvenCiencia, que chegaron a colexios e institutos de localidades de diferentes Camiños de Santiago, como Lugo, Folgoso do Courel, Guntín, A Fonsagrada e Ribadavia.

Localizacións como Carnota, Fisterra ou A Coruña centraron esta fase dentro do proxecto, que consistiu en charlas e intercambios de ideas con personalidades da investigación e a innovación científicas en distintos ámbitos, mais orientadas ao público en xeral e adulto e, sobre todo, para fomentar o emprendemento nos ámbitos da tecnoloxía e o turismo científico.

Afiprodel, que é un colectivo que agrupa a case un cento de profesionais, pretende que todo este traballo quede documentado e recollido, de xeito que teña un impacto na sociedade e poida ser aproveitado e sirva de inspiración no labor diario dos técnicos e técnicas de desenvolvemento local que traballan nas administracións municipais, provinciais e autonómica e Galicia. Ademais, Ciencia no Camiño prevé a edición dun decálogo ou guía de boas prácticas e a súa difusión.

20 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.