Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gañan espazo para urxencias no PAC e no hospital de Cee

Sanidade investiu 150.000 euros para adaptar o centro de saúde local e o Virxe da Xunqueira

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; o xerente da Área Sanitaria, Luis Verde Remeseiro; e o delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, supervisou este xoves as novas áreas habilitadas para as urxencias no Hospital Virxe da Xunqueira e no novo Punto de Atención Continuada (PAC) de Cee.

“Debido á situación na que nos atopamos e co fin de dar mellor resposta a unha situación extraordinaria, fíxose necesaria a creación dun dobre circuíto no Servizo de Urxencias do hospital e a reubicación do novo PAC no centro de saúde de Cee”, afirmou ao respecto o conselleiro.

Por iso, e tendo en conta o contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública actual, facíase imprescindible manter os circuítos de atención e illamento diferenciados para pacientes con patoloxía respiratoria, e, en base ás disposicións legais habilitadas para facer fronte á conxuntura sanitaria, “propúxose a obra de reforma no centro de saúde de Cee para crear un PAC nas estancias ocupadas ata o de agora polas consultas de Xinecoloxía e Pediatría, facilitando un mellor aproveitamento do espazo existente”, segundo sinalou o conselleiro. Previamente, estas consultas trasladáronse ao espazo que ocupaba a sala de xuntas do centro.

O Servizo de Urxencias do hospital sitúase na planta baixe do edificio principal e contaba con dúas zonas diferenciadas, pero contiguas, correspondentes ao servizos de atención de urxencias extrahospitalarias (PAC) e ao servizo de urxencias hospitalarias (Virxe da Xunqueira). A realización das obras e adaptación pertinentes permitiron renovar a actividade ordinaria de maneira gradual e segura, tanto na área de urxencias como de consultas externas, segundo Sanidade.

O novo PAC conta con entrada e circuítos alternativos, permitindo o funcionamento independente do centro de saúde. Os traballos de reforma supuxeron a adaptación dunha superficie de 390 m2 cun investimento de 150.000 euros, entre dotación e obra.

As novas consultas de Pediatría e Xinecoloxía, que se situaron no espazo que ocupaba a sala de xuntas do centro, dispoñen dunha superficie de 100 metros cadrados, nos que se habilitaron catro salas, das que dúas serán de Pediatría, unha para a matrona e outra para a enfermeira pediátrica. Ademais, habilitouse unha sala de espera para os pacientes.

O novo PAC, que se sitúa na zona onde con anterioridade estaban localizadas as consultas de Pediatría e Xinecoloxía, facilitando un mellor aproveitamento do espazo existente, dispón dunha superficie de 290 metros cadrados, distribuídos en catro consultas médicas, tres almacéns e unha sala de espera para os pacientes, ademais de baños e zona de estar para o persoal.

AGRADECEMENTO. A alcaldesa, Margarita Lamela, que acompañou aos responsables autonómicos na súa visita ao novo PAC, quixo mostrar o seu agradecemento ao conselleiro de Sanidade, ó xerente da Área Sanitaria, á xerente do Hospital Virxe da Xunqueira e ao director médico “polo seu compromiso sanitario con Cee, e máis tendo en conta a situación na que nos atopamos actualmente”.

Cómpre lembrar que o novo Punto de Atención Continuada xa está en servizo desde o pasado día 16 de novembro. Presta servizo aos pacientes dos concellos de Muxía, Dumbría, Corcubión, Fisterra e Cee, e tamén aos veciños e veciñas do Pindo, pertencente a Carnota. O seu horario é de 15.00 a 08.00 de luns a venres e as 24 horas os sábados, domingos e festivos.

26 nov 2020 / 19:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.