Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Costa da Morte. Licitarase nos próximos días, doce anos despois da declaración de Paisaxe Protexida // Anunciouno a directora de Patrimonio Natural durante a presentación da ruta habilitada polos concellos de Laxe e Vimianzo TEXTO J. M. Ramos

‘Habemus’ plan para xestionar os Penedos de Traba e Pasarela

Doce anos despois de que se declarase como Paisaxe Protexida aos Penedos de Pasarela e Traba, un conxunto de singulares elevacións graníticas que se estende ao longo de 212 hectáreas entre os concellos de Vimianzo e Laxe, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, anunciaba este venres que a Xunta licitará nos próximos días a redacción do plan de xestión. Fíxoo ao pé do conxunto pétreo coñecido como O Coello e O Paiaso Triste, na zona da Cachucha, durante a presentación dunha ruta de sendeirismo deseñada e habilitada de xeito conxunto polos dous municipios.

A boa nova foi aplaudida por todos os presentes, entre os que estaban os rexedores e concelleiros dos dous municipios, así como a técnica de Turismo de Laxe, María Mato, quen, xunto co técnico de Deportes do Concello de Vimianzo, Víctor Santos, foron os artífices da ruta que se inaugurou oficialmente. “Levamos moito tempo esperando por ese plan; é unha nova extraodinaria”, afirmou María Mato ó respecto.

Belén do Campo agradeceu o labor desenvolvido polos técnicos e os dous concellos, e avogou por continuar co traballo conxunto das distintas administracións, sinalando que o obxectivo ten que ser “poñer nos mapas de Galicia e de España esta Paisaxe Protexida, pois a xente ten que coñecela, e iso axudará a xerar riqueza nestes dous municipios”.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, e José Luis Pérez, rexedor de Laxe, reivindicaron o valor da colaboración intermunicipal e esperan seguir contando co apoio da Xunta para continuar desenvolvendo os proxectos que teñen en marcha, que agora se verán amparados polo futuro plan de xestión. Agradeceron a visita da directora xeral, “porque hai que facerse a idea do que hai aquí para poder poñelo en valor”, dixo a rexedora vimiancesa.

De presentar a nova ruta encargáronse os dous técnicos municipais que a deseñaron. Trátase, segundo explicou María Mato, dun roteiro para percorrer a pé cunha lonxitude de 6,2 quilómetros, que une Pasarela (Vimianzo) e Traba (Laxe). Está dividida en tres sectores: un arredor dos Penedos da Cachucha, outro centrado na área de Pena Forcada e o un terceiro con meta ou punto de arranque na Torre da Moa, dende onde se divisan o val, a lagoa e a praia de Traba.

O máis característico son as rochas que conforman a Paisaxe Protexida dos Penedos, as cales, desde moito tempo atrás, chamaron a atención e foron obxecto de estudo por parte dos máis prestixiosos xeólogos. “Este é un granito moi particular; existen poucos como este. Mesmo o xeológo Isidro Parga Pondal definiuno como un granito tipo Traba”, afirmou María Mato.

E non só o material é diferente, senón que o que converte en única esta paraxe son as figuras antropomorfas e zoomorfas que dan pé á imaxinación de quen as visita. De aí que as máis chamativas fosen todas bautizadas: A Cachucha, O Paiaso Triste, O Sapoconcho, A Balea, O Cantor, As Cascuda, O Camelo, A Cara de Vello... A maiores, o conxunto compleméntase con múltiples recursos ambientais e un rico patrimonio inmaterial.

Todo elo agora é máis accesible grazas ao novo roteiro que, tal e como informou o técnico vimiancés, Víctor Santos, foi debidamente sinalizado. Instaláronse paneis de inicio da ruta (que pode comezarse en Pasarela ou en Traba), sinais informativas con códigos QR, de situación, direccionais, tanto de circulación como de identificación das pedras con imaxes, e paneis de recomendacións a ter en conta durante a visita. Actuacións que foron cofinanciadas pola Axencia Galega de Turismo e os dous concellos e que conforman unha primeira fase, que dará paso a outras iniciativas relativas a equipamentos e divulgación.

HOMOLOGACIÓN. O obxectivo é homologar a ruta, pero antes “buscaranse novos elementos xeograníticos que están catalogados pero que non son accesibles polas condicións do terreo e a maleza, e probablemente se engadan novos sendeiros para chegar a eles”, indican dende o Concello. Cren que aínda pode haber “algunha sorpresa reservada neste lugar sin parangón en Galicia”.

A protagonista
“Queremos que sexa útil e operativo”
Belén do Campo
Directora xeral de Patrimonio Natural

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asegurou que o obxectivo da Xunta é dotar a este espazo protexido dun instrumento “útil e operativo” no que se recollan as principais metas que se queren lograr desde o punto de vista da súa xestión pública, da divulgación ambiental dos seus valores e da regulación dos usos públicos. Sinalou ademais que incluirá unha memoria económica na que se detallarán tanto as principais actuacións de conservación e posta en valor previstas como o custo estimado.

O referido plan terá unha vixencia prevista de dez anos e previsiblemente quedaría aprobado o vindeiro ano. Do Campo incidiu na importancia deste instrumento á hora de poñer en valor a riqueza e os puntos fortes dun espazo protexido como os Penedos, actuando como reclamo para o turismo sostible en ambos concellos.

{ Pasaba por aquí }
Valorar o que temos
Manuel Lavandeira

FÍXOSE de rogar, pero parece que agora si: a Paisaxe Protexida dos Penedos de Traba e Pasarela terá o plan de xestión que esixe a propia lexilación que regula este tipo de espazos. Conservar, divulgar e poñer en valor son os obxectivos pois, neste caso, non hai nada que crear nin construír. Diso xa se encargou a natureza, esculpindo nas rochas un verdadeiro museo ao aire libre que só agarda ser valorado e respectado na medida que lle corresponde. O anunciado plan debe ser o punto de partida para conquerir os retos e superar os atrancos que aparecerán no camiño. Algún xa se coñece, pois outros xigantes en forma de aeroxeradores ameazan con subirse ás pedras. O vento xa fixo o seu traballo e non se precisan novos aires.

30 abr 2021 / 19:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.