Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

León e Costa da Morte unidos pola figura do cura laxense Juan Antonio Posse

Xosé María Lema fixo o prólogo dun novo libro, de Paloma Fernández // A obra afonda na vida do que fora párroco da localidade de San Andrés del Rabanedo

León. A Casa de Cultura de San Andrés del Rabanedo (León) acolleu a presentación do libro El Infrascrito. Andanzas del cura Juan Antonio Posse en el San Andrés del siglo XIX, unha obra de Paloma Fernández Oliver, que investigou a vida do clérigo natural de Soesto (Laxe) e que exerceu como párroco da referida localidade entre 1807 e 1854.

Para iso contou co apoio e a colaboración do profesor vimiancés, historiador e presidente do Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom), Xosé María Lema, quen ademais firma o prólogo do libro, e participou no acto de presentación.

Lema Suárez é un dos estudosos da figura deste cura ao que define como “ilustrado e liberal, constitucionalista e galeguista, republicano, colectivista e contrario á Inquisición”, e divulgou tamén, xunto co Semescom, a súa vida e obra a través de dúas publicacións, das cales fixo entrega de senllos exemplares ao concello leonés. A primeira data do ano 1999, Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’, que foi a segunda das súas obras constitucionalistas e que aparecería impresa na súa casa nativa de Soesto.

Despois, en abril de 2007, recolleu as conclusións dunha xornada celebrada en Laxe sobre a figura do cura baixo o título Actas da I xornada histórica sobre a figura de Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento. No devandito encontro participaron varios especialistas galegos e o profesor Fernando Durán López, profesor de Literatura Española da Universidade de Cádiz, que incluíu na súa tese doutoral a figura do crego laxense entre as grandes autobiografías dos séculos XVIII e XIX.

No acto celebrado en terreas leonesas, Lema Suárez tamén lembrou que en días pasados faleceu Richard Herr, catedrático da Universidade de Berkeley, que foi o editor das Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse.

Pola súa banda, a autora do novo libro, Paloma Fernández, sinalou que descubriu as memorias do cura Posse hai un par de anos cando estaba investigando a xenealoxía da súa familia nos arquivos oficiais e eclesiásticos. Soubo das publicacións de Xosé María Lema pola internet e contactou con el. Visitou a casa natal do clérigo e outros puntos da Costa da Morte na compaña do historiador vimiancés, quen destaca como aspecto importante da obra que acaba de ver a luz o seguimiento que fixo dos “descendentes dos dous sobriños que Posse levara para León”. Eran dous irmás, Tomás e Tomasa Posse, e a autora conseguiu completar a súa xenealoxía ata que se perdeu o apelido Posse nese municipio leonés.

Na presentación do libro, ademais da autora e o historiador vimiancés, estivo presente tamén o edil de Cultura de San Andrés del Rabanedo, Alejandro Gallego, entre outros.

05 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.