Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MEDIO AMBIENTE. Un cento de voluntarios limparon a contorna en resposta á chamada de Mar de Fábula e a agrupación de mariscadoras // “É un labor de mantemento, logo de cinco anos retirando o lixo”, afirma Xosé Manuel Barros TEXTO José M. Ramos

Liberan de residuos plásticos o banco marisqueiro da Vasa, en Camariñas

Un cento de voluntarios e voluntarias de todas as idades traballaron este sábado na limpeza e recollida de lixo na contorna do banco marisqueiro de A Vasa, na ría de Camariñas, atendendo así á chamada da asociación Mar de Fábula e da Agrupación de Mariscadoras.

Repartidos en varios grupos e distribuidos en distintas zonas, os participantes encheron ducias de sacos con todo tipo de residuos, principalmente plásticos e restos de aparellos de pesca, como redes, en apenas dúas horas de traballo. Este é o sexto ano que se organiza esta xornada de limpeza e, segundo sinalou Xosé Manuel Barros, portavoz de Mar de Fábula, “fundamentalmente o que atopamos é lixo miúdo que arrastra o mar para terra, porque os residuos máis voluminosos xa foron retirados en campañas anteriores”.

A este respecto indicou que “aínda que non resulte visualmente tan espectacular, o traballo feito é moi importante porque coa retirada destes residuos o que estamos evitando e que acaben converténdose en microplásticos, que son un perigo para a flora e a fauna mariña e, por conseguinte, para nós tamén”.

A maiores tamén se levou a cabo unha limpeza dos fondos mariños na zona portuaria de Camariñas, na que colaboraron barcos locais e buceadores. O patrón maior, José Ramón Lema, valorou “moi positivamente” a resposta obtida, “pois participaron máis de vinte e cinco embarcacións e moitos buzos”. Do fondo do mar, na zona do muelle, retiraron “rodas, ferros, plásticos, trasmallos... lixo que leva hai tempo, pois afortunadamente agora xa non se tiran ao mar”, indicou. Considera que este tipo de accións “habería que facelas unha vez ao mes nos distintos portos”.

Ao remate da xornada, o lixo recollido foi trasladado ao porto, onde os propios voluntarios colaboraron na separación e selección dos diferentes residuos, coa fin de reciclalos de xeito correcto. Hai que lembrar que, o colectivo Mar de Fábula, da man do seu voceiro, Xosé Manuel Barros, outorgalle unha segunda vida a moitos deses residuos ao transformalos en obras de arte e elementos decorativos, entre outras utilidades.

Un dos aspectos que valoran moi positivamente dende o referido colectivo é que “moita da xente que participou era de Camariñas, e iso é moi importante porque axuda ao gran obxectivo destas iniciativas que é a concienciación cidadá sobre a importancia de coidar o medio mariño”, sinalou Barros.

De feito, unha das liñas de traballo de Mar de Fábula está orientada á sensibilización da poboación, xa dende a escola, para tentar mudar algúns dos hábitos cotiás que son unha das causas de que o lixo acabe nos fondos mariños. Nese senso, desenvolveron campañas especiais sobre os bastonciños de algodón que acaban nos océanos a través das redes de saneamento.

Esta sexta edición contou ademais co aliciente de que foi gravada polas cámaras do programa Volando voy, que dirixe Jesús Calleja, o cal adicará un episodio á Costa da Morte. Tanto os profesionais do mar como a veciñanza agardan que “nos dé un empuxonciño na promoción do noso produto e da nosa terra”, sinalou o patrón maior.

10 jul 2021 / 21:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.