Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis gasto no eido social e para reactivar a economía en Camariñas

A Corporación debate o día 28 o orzamento de 2021, que ascende a 4,9 millóns de euros // Nos investimentos inclúese a renovación da rede de abastacemento

Camariñas. O goberno local (PSOE) de Camariñas, atendendo ao contexto sanitario e económico actual, fai unha aposta polas políticas sociais e a reactivación económica na proposta de orzamentos municipais para o 2021, que ascenden a 4,9 millóns de euros e que se debaterá en pleno extraordinario o luns, 28 de xuño, ás 9.00 horas.

Os números do orzamento seguen a reflexar as principais liñas de actuación que o goberno local considera prioritarias. No apartado dos servizos sociais auméntase a partida, pasando de 597.865 euros no 2019 aos 749.740 previstos para 2021.

Neste eido refórzase principalmente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “un servizo imprescindible no que a aportación municipal segue a ser moi importante para atender aos nosos maiores”, aseguran. Co obxectivo de minimizar o risco de contaxios por COVID aumenta tamén o gasto en limpeza e salubridade pública, que pasa de 4.000 a 65.000 euros.

Dótase igualmente de orzamento á aportación municipal das axudas do programa PEL Reactiva e séguese mantendo a partida destinada á Mostra do Encaixe co obxectivo de “continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e de por en valor aquelo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo”. Ao mesmo tempo o goberno local considera que a súa realización en outubro, despois dun ano de ausencia, suporá un beneficio económico para os locais comerciais do municipio.

No anexo de investimentos para o ano 2021 refléxanse actuacións moi demandas e necesarias para a veciñanza, destacando o proxecto de renovación da rede municipal de abastecemento de auga de Camariñas, a aportación municipal da obra para a reordenación da praza de San Xurxo ou o modificado da mellora de acondicionamento da rúa Nova, entre outros.

A totalidade dos investimentos ascende a 347.33,66 euros, sen contemplar as obras financiadas co Plan Único da Deputación. Dende o goberno local destacan tamén que as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 1.960.806,04 euros, o que supón un 39,53 % do orzamento total.

A alcaldesa, Sandra Insua, amosouse confiada de “elaborar un orzamento dirixido principalmente ás persoas, que moitas viron agravadas as súas situacións particulares por mor da pandemia” pero tamén destacou que “aínda así non esquecemos o apartado de investimentos, tan necesarios para que Camariñas continúe crecendo”.

No pleno tamén se debaterá unha proposta de recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 483.436,94 euros co obxectivo de facer fronte a facturas a provedores pendentes do ano 2020, ben por falta de crédito ou ben porque entraron no rexistro no ano 2021.

24 jun 2021 / 18:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.