Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25-N. Na Laracha camiñarán este venres contra as violencias machistas // Malpica involucrou ás asociacións para elaborar un vídeo // Vimianzo acolleu a maleta viaxeira TEXTO J. M. Ramos

Manifestos, andainas, obradoiros e teatro contra a violencia na Costa da Morte

A Costa da Morte mobiliza, un ano máis, á sociedade para dicir non ás violencias machistas de formas moi diversas pero cun obxectivo común: mostrar tolerancia cero cos maltratadores. Con ese fin, este venres, a partir das 16.30 horas, veciños e veciñas da Laracha sumaranse á andaina que partirá da Praza do Concello e discorrerá pola senda peonil ata Cabovilaño.

Ademais, os escolares dos tres colexios do municipio participan nunha contada poética a cargo da actriz Iris Pinheiro baseada no teatro de obxectos, no que a diversidade será o fío condutor. Tamén se están a desesenvolver obradoiros de prevención da violencia de xénero, e o Concello convocou un concurso de tiktoks aberto a todos os públicos. Este venres, día 25, abrirase a votación no Instagram @xuventudealaracha para que os usuarios poidan elexir os seus favoritos.

En Malpica, o Concello conmemorará o 25-N coa lectura dun manifesto, ás 12.00 horas diante do consistorio, e coa proxección dun vídeo no que participaron representantes dos clubes de fútbol de Buño, Cerqueda, Seaia, Leiloio e Malpica, e das asociacións Malante, Raigañas, Carcaxía, One Surf Academy, O Peirao, AECC, Oleiros de Buño e Visibles, ademais do Club de Patinaxe Velúa.

Pola súa banda, o Concello de Vimianzo foi o primeiro en acoller a Mavi, a Maleta Viaxeira que conta con dez libros sobre temas de feminismo, violencia de xénero, empoderamento e autoestima, especialmente das mulleres e nenas. Trátase dunha iniciativa da subdelegación do Goberno que, ademais, de promover a reflexión, a sensibilización e a concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria, tamén favorece un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan as violencias e as desigualdades.

En Cee hoxe presentarase o III Plan de Igualdade, que foi aprobado na última sesión plenaria, e ás 12.00 horas darase lectura a un manifesto na Praza 8 de Marzo coa participación de membros de Apem, Aspadex e alumnado do Manuela Rial, IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco. En caso de mal tempo o acto será na casa da cultura. Ademais inaugurarase un novo mural na Praza da Porta do Sol. E o sábado, día 26, celebrarase a marcha Cee, camiñando pola igualdade.

En Carballo hoxe tamén sairán á rúa para participar nunha concentración pública e na lectura dunha declaración institucional do Concello, ás 12 horas na praza da vila. E en Zas, as nenas e nenos dos colexios de Baio e da capital municipal farán voar este venres ducias de cometas de cor violeta que levan escrita unha mensaxe de esperanza a todas as vítimas da violencia machista: Voa lonxe do maltrato. O acto será ás 10.00 horas na Praza do Concello e nel participará o alcalde, Manuel Muíño e membros da Corporación.

Pola súa banda, en Muxía, ás 12.00 horas, haberá tamén concentración diante do Concello, aberta a toda a veciñanza e na que participarán alumnos do IES Ramón Caamaño e deportistas muxianas, ademais do alcalde, Iago Toba.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.