Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Marcha reivindicativa contra os proxectos eólicos nos Penedos de Pasarela e Traba

Será o sábado, día 12, e estará encabezada por veciños da zona // Partirá ás 11.00 horas da escola e rematará ao pé da Cachucha onde se quixera implantar unha canteira

A Plataforma Salvemos Os Penedos convocou para o sábado, día 12, unha nova acción de rexeitamento aos proxectos de dous parques eólicos que, “de maneira grave, afectarían a este conxunto granítico de Pasarela e Traba”, afirman.

Consistirá nunha marcha a pé, que coincide no tempo coa que se realizara en 2006 contra a instalación dunha canteira que se pretendía abrir tamén neste mesmo espazo natural, e que organizaran diversos colectivos. Desta vez, engaden, haberá unha maior participación veciñal, tanto de Pasarela, o núcleo máis achegado aos Penedos, como de Calo e Traba. Serán os veciños os que encabecen a protesta, que partirá da escola de Pasarela ás 11.00 horas e unha vez que os participantes cheguen á explanada que hai ao pé da Cachucha, que ten como escenario a “ferida” producida en 1997 “de xeito ilegal por unha empresa que pretendía instalar unha canteira neste lugar”, intervirán representantes dos veciños deses núcleos mais achegados. Participarán tamén o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní e a escritora Rosalía Fernández Rial, que dará lectura a un manifesto.

Aseguran que os referidos proxectos “atentan contra unha das formacións graníticas máis importantes que existen non só en Galicia, senón no noso planeta, como así o afirmaron expertos xeólogos e xeógrafos”, que se interesaron polo estudo deste singular macizo rochoso que se estende entre a Pedra da Cachucha, en Pasarela (Vimianzo) ata a Torre da Moa, en Traba (Laxe).

A plataforma convocante está integrada polos colectivos Asociación de Veciños de Pasarela, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), Asociación Calo Rural, Senda Nova, Colectivo A Rula, Instituto de Estudos Bergantiñáns, Contramínate, Camiño dos Faros, Asociación Parroquial de Berdoias, A.X. Cherinkas de Vimianzo, A. Feminista As Curandeiras de Vimianzo, Rede Galega por un Rural Vivo, Boca de sapo, Adecom e o Colectivo na Area. Xa presentara tamén alegacións contra estes proxectos e organizara o acto de Poesía nos Penedos, o pasado 22 de maio.

10 jun 2021 / 10:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.