Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
dumbría Lucita Figueroa, palilleira muxiana, leva sete anos exhibindo o seu arte cos bolillos ao pé da fervenza // Asegura que os tapabocas son os complementos máis demandados este ano // Os prezos oscilan entre 12 e 18 euros TEXTO J. M. Ramos

Máscaras de encaixe entre os souvenirs artesanais do Ézaro

A nova normalidade require de adaptación e tamén de innovación para tentar superar os atrancos derivados da pandemia da covid-19. O mundo da artesanía non é alleo a esta realidade pero, quizáis, conta cunha vantaxe sobre outros sectores: a súa capacidade creativa.

Así o están a demostrar os artesáns da Costa da Morte adaptando os seus traballos á situación actual. Ese é o caso Lucita Figueroa, unha experimentada palilleira natural de Ozón (Muxía), que soubo “encaixar” as puntillas nas máscaras que todos debemos usar nesta nova realidade. Tal está sendo o éxito das mesmas que, neste verán, os tapabocas con encaixe foron os complementos que máis lle demandaron os visitantes que se achegaron ao seu posto de artesanía ubicado ao pé da fervenza do Ézaro (Dumbría).

Trátase de máscaras de tea de algodón dotadas con filtro TNT e que incorporan, como valor engadido, o encaixe que Lucita tece namentras atende o seu posto artesanal no Ézaro. “Para decorar os tapabocas adaptei deseños de puntillas que xa tiña no meu catálogo, e creei varios modelos e en diferentes cores, tanto para os adultos como tamén para os nenos e nenas”, asegura. Os prezos oscilan entre 12 e 18 euros.

Moitos dos visitantes que se achegaron este ano á Costa da Morte levaron posta unha destas máscaras, que son pezas únicas xa que incorporan encaixe co selo de Artesanía de Galicia, e que ademais axudan a previr os contaxios de covid-19.

Aínda que, coma para a gran maioría, este non está sendo o mellor ano para os artesáns, Lucita Figueroa é das que prefire ver o vaso medio chego e asegura que “foi un verán mellor do que pensaba nun principio, pois cría que ía ser un tempada perdida”. Botou de menos, eso sí, a presencia dos milleiros de turistas estranxeiros que cada ano se achegan a contemplar a maxestuosa fervenza do Ézaro pero “houbo moito visitante nacional, chegado de diferentes puntos de España e tamén de toda Galicia”.

A todos eles lles chamaron a atención as súas creativas pezas de encaixe pero, “á hora de mercar, o que máis demandaban, ademais das máscaras, eran cousas pequenas, detalles e complementos, en moitos casos para regalar”, afirma.

Ademais de ofrecer unha ampla variedade de pezas de encaixe, de deseños tradicionais e outros máis innovadores, así como unha diversa gama de complementos feitos tamén cos bolillos, Lucita brinda aos visitantes a posibilidade de comprobar en directo como se elaboran as puntillas que tanta sona teñen na Costa da Morte. Faino vestida cun traxe típico de Galicia, o que atrae aínda máis a atención dos turistas.

Quenes non tiveran a oportunidade de achegarse a O Ézaro nos meses do verán e contemplar o seu arte, aínda poderán facelo durante este mes de outubro. Despois, esta palilleira muxiana seguirá cruzando os bolillos durante o invierno pensando xa nos deseños para a vindeira tempada.

Lucita Figueroa comezou no mundo do palillo con só seis anos, dando continuidade a unha tradición familiar que foi transmitida de nais a fillas. Foi unha das fundadoras da Asociación de Palilleiras de Ozón (Muxía) e finalista do Certame de Artesanía Antonio Fraguas.

No ano 2017, logo de recibir no Ézaro a visita do matemático francés Cédric Villani, elaborou para el un curioso broche de encaixe que representaba unha araña, un dos animais que o galo soe lucir nas súas solapas. Lucita é tamén a autora dunha singular réplica da fervenza do Ézaro para a cantante eurovisiva Rosa López, que lla fixo chegar a través da “recanteira” Ariadna Moore.

06 oct 2020 / 16:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.