Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PESCA. Dende que se levantou a veda en xullo as lonxas de Área poxaron pouco máis de 341.000 quilos // Os ingresos xerados por esta especie caeron tamén un 50 % // A cotización media manténse por enriba dos 8 euros/kg. TEXTO J. M. Ramos

Menos da metade de capturas de polbo na actual campaña

Este ano nin os continuos e intensos temporais no mar fixeron repuntar as capturas de polbo, que caeron máis dun 50 % no que vai de campaña respecto ao mesmo periodo de 2019/2020. Así, segundo datos de Pesca de Galicia, ás lonxas do litoral de Área de Compostela (comprendido entre Caión e Rianxo) tan só chegaron dende o pasado 1 de xullo, cando se levantou a veda, uns 341.000 quilos, cifra que contrasta cos máis de 815.000 Kg poxados na campaña anterior.

Unha redución de capturas que se reflexou tamén de xeito notable na facturación das rulas, que pasaron de ingresar case seis millóns de euros, só polas poxas de polbo na temporada 2019/20, a pouco máis de 2,8 millóns no que vai da actual campaña. Hai que sinalar que esta especie é un dos principais recursos da frota artesanal de baixura, polo que se están resentindo as economías de moitas familias que viven desta pesquería.

O único dato positivo é a cotización media do produto, que segue sendo alta, por enriba dos 8,2 euros por quilo, aínda que lonxe dos prezos acadados nas mellores campañas de polbo, nas que chegou a rondar e incluso superar os 10 €/kg.

A lonxa de Ribeira segue a ser a que maior volumen de polbo mobiliza no litoral de Área. No que vai de campaña poxáronse máis de 140.000 quilos do prezado cefalópodo, moi lonxe dos máis de 350.000 Kg vendidos na campaña anterior.

A rula de Corcubión, pola súa banda, segue liderando as vendas desta especia na Costa da Morte, con máis de 40.000 quilos, pero tamén moi por debaixo da tempada 2019-20, na que a estas alturas do ano xa poxara máis de 97 toneladas. Cifras semellantes rexistra a lonxa de Muros, que na campaña anterior superara os 135.000 quilos.

Os centros de poxas de Fisterra e Malpica de Bergantiños mobilizaron máis de 30 toneladas cada unha, mentres que en Lira (Carnota) superaron as 20 toneladas en Camariñas poxaron 17.000 quilos. En Porto do Son tan só se venderon 11 toneladas e en Laxe pouco máis de 7.000 quilos.

No sector amósanse pesimistas de cara ao que resta de campaña, xa que conforme se achega o verán o normal é que as capturas vaian aínda a menos, xa que comeza a tempada de desove.

A mala campaña fixo que en varios portos da zonas algunhas das embarcacións que se adican a esta pesquería optasen por cambiar de arte, aínda que “as alternativas tan pouco son moi boas, debido as escasas cotas que temos”, afirmou o patrón maior de Malpica de Bergantiños, Pedro Pérez.

VEDA. O negativo balance da campaña volverá, a bo seguro, a reabrir o debate sobre a situación do polbo, algo que xa vén sendo habitual dende hai uns anos, sobre todo no que compete ao tempo de veda. Nos últimos anos o paro da frota naseira foi de pouco máis dun mes, algo que nalgunhas confrarías consideran insuficiente e reivindican alomenos tres meses, como é o caso do pósito de Fisterra. Non obstante, a maioría ve excesiva unha veda tan alongada e avoga ademais por aproveitar a campaña de verán, cando hai máis turismo e unha maior demanda de polbo, a pesares de que nos meses centrais do ano nin a cantidade nin a calidade do produto é a mellor.

O protagonista
“Está sendo un ano malísimo para esta pesquería”
Pedro Pérez
Patrón maior da confraría de pescadores de Malpica

O patrón maior da confraría de pescadores de Malpica, Pedro Pérez, recoñece que “este é un ano malísimo de polbo”. As capturas foron moi escasas desde o comezo da campaña “e aínda que os prezos están sendo bastantes bos non hai produto para vender”, afirma.

Nas últimas semanas, na lonxa malpicana os polbos de maior tamaño pagáronse entre 10 e 11 euros por quilo; os medianos de 7 a 8 €/kg, e os pequenos entre 5 e 6 euros.

A escaseza de recurso provocou que algunhas das embarcacións da frota naseira con base no porto de Malpica solicitasen o cambio de arte para traballar con miños, betas ou palangrillo, “pero o problema é que faltan cotas, e ademais iso supón unha maior presión para outros recursos”, sinala Pérez.

O sector trata así de sobrevivir a costa doutras pesquerías que, en xeral, manteñen unhas boas cotizacións en lonxa. A este respecto, o patrón maior malpicán asegura que “por sorte o peixe foi aguantando bastante ben os prezos, a pesar da situación de pandemia”.

Outra especie que escasea na costa malpicana é o percebe, e por iso, a confraría está a buscar alternativas e veñen de habilitar dez permisos para explotar a anémona. “Estamos empezado pero esperamos que poidan ser un complemento para os percebeiros”, indica Pérez.

{ PASABA POR AQUÍ }
Segue a escaseza
Manuel Lavandeira

A escaseza de polbo non é unha novidade, aínda que as comparativas entre campañas poidan ofrecer resultados moi dispares. Dende hai anos, as nasas chegan aos portos cada vez máis baleiras, pois a cantidade de recurso mantén unha tendencia á baixa sen que, polo momento, se avaliasen con rigor as causas e, moito menos, se artellasen medidas que permitan a recuperación do recurso. Hai que lembrar que este prezado cefalópodo non só é un dos iconos da gastronomía galega, senón que é tamén o sustento de moitas familias de mariñeiros, polo que, máis cedo que tarde, o sector e a administración deberán sentarse para tentar de buscar medidas efectivas que contribúan a recuperar esta importante pesquería.

22 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.