Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Solidariedade. Jenny Allo e os seus pais puxeron en marcha unha campaña de recollida de alimentos e outros produtos // Foron das primeiras familias en acoller nenos do deserto // Teñen o apoio do Concello, colexios e hostaleiros TEXTO J. Ramos

Mobilizados para levar axuda desde Cee ós ‘fill@s’ do Sáhara

Máis de dous mil quilómetros separan a Cee do Sáhara, pero a solidariedade non coñece fronteiras nin sabe de distancias. Carlos e Cristina, os pais de Jenny Allo, foron das primeiras familias da vila ceense en sumarse ao programa Vacacións en Paz para acoller todos os veráns a nenas e nenos saharuies. Noruhda e Mailminin foron as últimas “fillas adoptivas” que viñeron a súa casa no verán do 2019. A pandemia impediulles volver no 2020 e este ano tampouco poderán vir, pero a súa familia galega segue axudándolles, a elas e ao resto de rapaces que viven nos campamentos do deserto.

Jenny e os seus pais manteñen un contacto directo coas dúas nenas e tamén cos outro cinco rapaces (catro nenas e un neno) que acolleran en anos anteriores, “e sabemos que o están a pasar mal”. Ao xa perenne conflito entre o pobo saharaui e Marrocos agora sumouse a pandemia, “e isto fai que a axuda que lles está a chegar por parte das ONG aos campamentos sexa moi escasa”.

Por iso, lonxe de resignarse, decidiron remangarse e buscar outras vías para seguir axudando a eses pequenos. Sumáronse a unha campaña promovida pola Asociación de Amigos do Pobo Saharui para recoller alimentos e outros produtos que lles farán chegar o vindeiro mes de xuño a través dunha caravana solidaria. “En marzo xa organizarán outra e saíu todo ben, e agora pedíronnos ás familias que acollemos nenos se podíamos botar unha man, e non o dubidamos”, afirma Jenny.

Recurriu aos centros educativos do municipio para pedirlles a súa colaboración xa que, a través dos escolares, é máis doado facer chegar a iniciativa ás familias “e a resposta foi moi boa, pois xa temos puntos de recollida no IES Agra de Raíces e nos colexios Eugenio López e Manuela Rial. Ademais, amosou o seu interese por apoiar a campaña o centro Nosa Señora do Carme, de Fisterra”.

O Concello de Cee tamén puxo a disposición da iniciativa as instalacións do centro social, e o sector hostaleiro da vila, a pesares de non vivir o mellor momento, non quere ser menos e xa se comprometeu a sumarse á acción solidaria. Tanto Jenny como a súa familia agradecen moito a boa resposta que está a ter a súa chamada. A través das redes sociais, Jenny tamén está a recibir apoios e e mensaxes de xente que quere axudar. “Moitos pregúntanme se ademais de alimentos non perecedoiros se poden donar outro tipo de produtos, e eu dígolles que sí porque toda axuda é pouca. Centrámonos nos comestibles porque é o que o máis lles urxe nestes momentos, pero tamén se poden donar cueiros, material escolar, artigos de hixiene, leite en pó e outros produtos básicos ”. Os interesados en colaborar poderán facer as súas doazóns ata o vindeiro 31 de maio.

Deste xeito queren seguir apoiando a eses “fillos, fillas, irmáns e irmás” que teñen no deserto. “O ideal sería que poidense vir pasar aquí de novo a pasar as vacacións do verán, o cal nos alegraría moito a nós e sería bo tamén para eles pois non terían que soportar as elevadas temperaturas do verán no deserto, pero no pode ser”, sinala Jenny, quen lamenta igualmente non poder ir visitar aos pequenos ao Sáhara.

Asegura que a experiencia de acoller a estas nenas e nenos é algo moi enriquecedor. Os lazos que se establecen cos pequenos e a súas familias son moi fortes, e no caso da súa familia, como lles sucede a moitas outras, mantéñense no tempo. A primeira nena que acolleron na casa de Jenny ten actualmente 28 anos, e ese vínculo creado nesas vacacións de verán segue vivo a pesares dos máis de dous mil quilómetros de distancia que os separan. E é que “pasan a ser parte da nosa familia, son coma meus irmáns”, afirma.

Os seus pais, Carlos e Cristina, mesmo tentaron adoptar a unha das nenas que acolleron na súa casa, xa que lle morreu a nai e seu pai formou unha nova familia, quedando a pequena con outros familiares. “Pero foi imposible”, sinala Jenny.

15 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.