Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Montse Fajardo anima en Baio a acabar coa invisibilidade da violencia machista

A autora do libro ‘Invisibles’ participou nun encontro con estudantes e profesores do IES Maximino Romero de Lema

O IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Zas), recibiu a visita da escritora Montse Fajardo, a cal intercambiou cos estudantes e profesores reflexións arredor do seu libro Invisibles, que recolle o testemuño de oito vítimas de violencia machista. Un encontro que se encadrou dentro dos actos que o centro realizará co gallo do 25 N.

A autora iniciou o acto emocionada, segundo as súas propias palabras, pola sorpresa da elaboración dunha composición exposta na entrada “e que para nós captaba o esencial do libro”, afirman dende o instituto. Sentiuse conmovida tamén polo recibimento: entrou na sala baixo o son da canción Matriarcas de Guadi Galego, e todo o alumnado e profesorado acudiu vestido de branco, simbolizando que o maltrato contra a muller é un problema de todos, de homes e mulleres.

Despois da presentación realizada por dúas alumnas, tomou a palabra a autora, que explicou a orixe do libro e o que supuxo para cada muller revivir cadansúa historia segundo lla ían relatando. Fixo un percorrido polas diferentes realidades das protagonistas subliñando aspectos particulares así como o que as une: a dor das vítimas, que na maioría dos casos non son conscientes de selo, das consecuencias nos seus familiares, especialmente nos fillos e fillas; o papel da sociedade que non dá a resposta agardada; os propios corpos de seguridade que non sempre oen as chamadas de socorro...

A escritora insistiu na afirmación de que non hai un perfil de vítima, e sinalou que a invisibilidade afecta tanto ás afectadas coma aos maltratadores. O alumnado interviu formulándolle cuestións e reflexións que lle suscitara a lectura do libro. O acto rematou cunha foto de grupo e sinaturas de exemplares. Houbo mesmo ocasión para algunha consideración emocionada dalgunha alumna debido ás situacións relatadas.

Dende o instituto baiés agradecen ao Concello de Zas “a xenerosidade na realización deste acto, co que iniciamos as actividades previstas para a conmemoración do 25 de novembro, data que deixará de ser necesaria cando as mulleres deixemos de morrer a mans de homes que son, ou foron, a nosa parella. Unha lacra cuxos números non deixan de escurecer o noso horizonte de liberdade. Cómpre seguirmos na tarefa de educar en igualdade e concienciar ás futuras xeracións para poder avanzar mulleres e homes e acadar unha sociedade máis xusta”, conclúen.

22 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.