Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Muíño pedíu por carta a Escotet que revoque o peche de oficinas de Abanca

Na misiva, á que aínda non obtivo resposta, expón as consecuencias para vilas como Zas, Baíñas e A Baña

“Unha oficina como a de Abanca nunha vila pequena, na nosa capital municipal, non é só unha actividade comercial máis. É unha peza moi importante dentro da economía local, achega moitos máis servizos engadidos que a propia actividade comercial”. Así comeza o alcalde de Zas, Manuel Muíño, a exposición das consecuencias que supoñen o peche das oficinas bancarias no rural na carta enviada ao Presidente da referida entidade bancaria, Juan Carlos Escotet, co obxectivo de que revoque a súa decisición e poña fin ao proceso de concentración que ten en marcha a súa empresa.

A misiva enviouna o pasado 3 de setembro, uns días antes de que pechasen as oficinas de Zas, Baíñas (Vimianzo) e A Baña, e da cal aínda non obtivo resposta. “Pasaron xa 15 días dende que lle entreguei a carta a un directivo da súa entidade. Entendo que é tempo suficiente para que a recibise e para que tivera a ocasión de revocar a súa decisión de pechar máis oficinas no rural. Quixen darlle un marxe de tempo antes de facela pública”, sinala Muíño.

Na carta o rexedor fala do tipo de clientes destas oficinas, que normalmente son persoas de idade avanzada que demandan unha atención física e persoal. Tal e como expón Muíño, esta deicisión obrígaos a desprazarse a outras vilas e en moitos casos a pagar un medio de transporte. Por outra parte, expón que estes peches teñen graves consecuencias para a economía local “xa que a clientela aproveita o desprazamento a outros lugares para realizar as súas compras diarias en lugar de facelas na propia vila”.

Manuel Muíño tamén fala da emigración, “un tema que coñece Escotet xa que é fillo de emigrantes e el mesmo tamén o foi”, e expón que a perda de servizos no rural e do motor económico que supón a oficina de Abanca “condenará, a curto prazo, a moitos mozos e mozas a emigrar. Tamén fai referencia na carta á traxectoria profesional de Escotet e salienta que é “dos emprendedores que sempre intentou e intenta xerar riqueza e compartir parte desta coa propia sociedade”.

Despois de que pasara o tempo suficiente para que o empresario recibise a carta, o rexedor opina que “á vista dos feitos está claro que me equivoquei e o único que busca é un beneficio rápido e a calquera prezo”. Para rematar, o alcalde de Zas di que todos os motivos sinalados son extensivos ás oficinas de Baíñas e de A Baña que, ao igual que a de Zas, pecharon o pasado 8 de setembro dentro dun plan de concentración bancaria emprendido pola entidade hai uns meses e que afecta a toda Galiza.

19 sep 2021 / 08:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.